Nova proba das Series Mundiais, a sexta, e co tríatlon español copando os primeiros postos da clasificación provisional do Mundial. O sábado 29 en Edmonton estarán os tres primeiros (Mario Mola, Fernando Alarza e Javi Gómez Noya), pero Alarza non chega en boas condicións par pelexar polo triunfo. O deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD colleu un virus durante a viaxe a Canadá e leva todos estes días na cama, sen poder adestrar. Desta forma, tanto a súa participación coma o seu rendemento, é unha incógnita nestes intres.
Quen parece chegar en boas condicións e Mario Mola, reforzado polo triunfo en Hamburgo e tamén porque a proba é na distancia sprint, na que se sinte máis cómodo. Todo o contrario do que lle sucede ao ferrolán Gómez Noya, que prefire a distancia olímpica, pero que tentará loitar polo triunfo coma sempre fai. Ademais está inscrito, Jonathan Brownlee e haberá que ver se compite, porque na proba de Hamburgo deuse de baixa no último suspiro e non participou. O británico é outro especialista en distancia sprint, pero esta tempada apenas competiu polo que resulta complicado aventurar en que estado de forma se atopa.
Outros rivais destacados serán Vincent Luis, Dorian Coninx, Richard Murray, Joao Pereira, Thomas Bishop, Chente Hernández, Kristian Blummenfelt… Un amplo abano de deportistas do máis alto nivel que tentarán facer unha natación moi dura para librarse de Mario Mola na bicicleta e chegar con opcións ao segmento de carreira a pe.
A proba masculina comezará ás 15:06 hora local (oito horas máis en Galicia) e disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).
As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia) e Rotterdam (Países Baixos). Tralas cinco primeiras probas, Mario Mola é líder provisional do Mundial con 2.864 puntos, por diante de Fernando Alarza (2.743) e de Gómez Noya (2.448).