O Tri-Penta Terras de Lugo estivo moi preto das medallas na súa primeira participación nun Campionato de España. No Campionato de España de Duatlón Contra o reloxo por equipos, que se celebrou hoxe en Noia, ocupou a cuarta posición na categoría feminina. Os resultados dos clubs galegos, a pesar da numerosa participación, foron bastante discretos xa que faltaban os homes máis importantes do pelotón galego.T
Así, na categoría elite feminina foi onde estivo máis preto a medalla para un club galego. O Tríatlon Clavería Móstoles logrou o título de campión de España cun tempo de 1:11:26, mentres que a segunda posición foi para o Diablillos de Rivas (1:12:03). A medalla de bronce foi para Tragaleguas.org, mentres que o Terras de Lugo acariñou o podio coa súa cuarta posición. O equipo lucense estaba formado por Marina González, Irene Serrat, Noelia Mora e Nerea Castro. Tamén entrou no top-ten da proba o Arcade Inforhouse (noveno). Na proba open, o Motobike de Pontevedra acadou a terceira posición. Na categoría feminina participaron un total de 29 equipos.
Na categoría masculina os resultados aínda foron máis discretos para as entidades galegas. O Mallorca Training Triathlon Team-M3T proclamouse campión de España por diante de Tragaleguas.org (prata) cun tempo de 59:27 e Club Tríatlon IMD Segovia (bronce). O primeiro club galego foi o Arcade Inforhouse na décima posición. No torneo masculino participaron un total de 78 equipos nas categorías elite e open.
Segundo establece a normativa deste campionato, cada club só pode presentar un equipo na proba elite. Esta proba dispútase sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo pode estar formado por entre 4 e 6 integrantes, que teñen unha saída individualizada por club e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta.
Duatlón Escolar. A competición comezou coa disputa do Campionato de España de Duatlón Escolar. Na categoría masculina logrou o triunfo o Diablillos de Rivas cun tempo de 23.41, seguido polo Tripuçol (24:55) e na terceira posición, o Ecosport Tríatlon Alcobendas (25:02). O primeiro club galego foi o Tríatlon Ferrol que quedou a só un chanzo do podio, a cuarta posición, cun tempo de 25:55. Ademais, hai que destacar a sétima posición do Dexter, a novena do Arcade Inforhouse 1 e a décima, do Arcade B.
Na categoría feminina, triunfo do Saltoki Trikideak (29:14), mentres que a case 45 segundos chegou o Tríatlon Consulta Sergio Saiz (29:58). A terceira posición foi para o Diablillos de Rivas (30:45), mentres que o Arcade foi o primeiro equipo galego clasificado, na sexta posición (34:05).
Hai que destacar a boa organización da proba, nunha tarde na que o tempo foi empeorando pouco a pouco, ata concluír cunha treboada xusto na entrega dos trofeos.
Mañá, Campionato de España de Duatlón por relevos. Mañá domingo estrearase en Noia esta nova modalidade. Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno duatlón (2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta e 1 de carreira a pe).
En elite masculino participarán un total de 34 equipos entre os que destacan catro galegos (Galaico Cidade de Pontevedra, Dexter Tríatlon, Olímpico de Vedra e Club Natación Riveira), mentres que na feminina participarán 21 equipos e só dous galegos (Terras de Lugo e Olímpico de Vedra).