PABLO DAPENA, CAMPIÓN DO MUNDO DE TRÍATLON DE LONGA DISTANCIA

pablo dapena

14 de Xullo de 2018

O pontevedrés Pablo Dapena proclamouse hoxe campión do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia no Festival Multideporte que se está a disputar en Fyn (Dinamarca). Dapena terá a oportunidade de revalidar o campionato do Mundo no ITU Multisport Pontevedra 2019, evento do que é embaixador.

Precisamente hoxe estaba en Dinamarca unha nutrida representación de Pontevedra xa que onte tivo lugar o acto de presentación do Multisport 2019 e hoxe realizarase o acto protocolario de entrega da bandeira para os organizadores do vindeiro ano. Así, todos eles puideron gozar coa actuación do triatleta galego, que estivo sempre entre os mellores.

Pablo vivira unha semana complicada porque a súa bicicleta non chegara con el a Dinamarca, pero finalmente foi recuperada un día antes de ter que saír a estrada, e o galego puido amosar a súa magnífica preparación para esta proba.

Dapena controlou a proba dende o inicio. Na natación saiu na segunda posición e pegado ao primeiro clasificado Marko Albert. E así estes dous deportistas foron en cabeza ata o quilómetro 38, no que foron cazados por un trío, que despois creceu ata formarse un sexteto. No quilómetro 90,  atacou e marchou en solitario Wild Ruedi, que logrou chegar a segunda transición cuns 38 segundos de distancia sobre este grupillo, no que destacaba o noso Pablo Dapena, que dende o inicio da carreira a pe amosou a súa forza. No quilómetro 4,5 o galego quedou en cabeza e pouco a pouco foi abrindo distancias para chegar a meta en solitario cun tempo final de 05:19:30, nun gran recital do pontevedrés.  A segunda posición foi para Wild Ruedi (05:22:13) e  Marko Albert logrou o bronce (05:22:27).

Noraboa, Pablo Dapena!!

Quizáis che interese…