PONTEVEDRA SERÁ SEDE DOS CAMPIONATOS DO MUNDO DE MULTIDEPORTE 2019

3 de Decembro de 2015

Os Campionatos do Mundo de Multideporte 2019 desenvolveranse en Pontevedra ao longo de dúas fins de semana, nos que se celebrarán os campionatos do mundo de dúatlon, tríatlon de longa distancia, acuatlón e tríatlon cros.  A gran festa do tríatlon  permitirá a participación dos deportistas en diversas probas.

A localidade galega ten unha grande experiencia na organización de eventos deportivos, albergando nos últimos anos numerosas probas de carácter internacional tanto de tríatlon como de dúatlon. Entre elas destaca a exitosa celebración dos Campionatos do Mundo de Dúatlon en 2014, o Campionato de Europa de Tríatlon de 2011 e as tres Copas de Europa Premium que acolleu a cidade das Rías Baixas.

O presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, manifestou a súa satisfacción pola aposta da ITU por Pontevedra e Galicia: “É un recoñecemento ao bo facer organizativo de Pontevedra durante todos estes anos celebrando grandes eventos” e “un premio tanto para a cidade coma para o tríatlon galego, que poderá gozar dun evento de tal envergadura”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou o seu entusiasmo ante a designación, resaltando que “como cada vez que tivo lugar unha gran competición de tríatlon en Pontevedra, estamos encantados de recibir a esa enorme familia na nosa cidade. Faremos, como sempre, todo o posible porque os deportistas gocen de Pontevedra en toda a súa dimensión, tanto das condicións naturais, como do centro histórico e o río. Toda a cidade envorcarase con esta competición mundial, tédeo por seguro”.

A presidenta da ITU e membro do COI, Marisol Casado manifestou que “a creación dos Campionatos do Mundo de Multideporte foi unha das nosas decisións máis exitosos en termos de solicitudes para albergar estes eventos”. “A organización destas competicións xerou un gran interese, con tres cidades competindo por celebrar  a edición de 2019 do evento e coas sedes de 2017 e 2018 xa confirmadas. Este é un signo moi alentador de que o tríatlon se está movendo na dirección correcta e o noso crecemento continúa a súa expansión”.

José Hidalgo, presidente da Federación Española de Tríatlon, mostrábase agradecido “por esta designación, xa que Pontevedra ten un forte vínculo co noso deporte, como testemuña a celebración nos últimos anos de numerosas competicións tanto de carácter nacional como internacional. Unha aposta continua que converteu á cidade nun referente deportivo. Pontevedra é unha sede que sente e respira os valores e os retos do tríatlon”.

 

 

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…