MORAÑA ACOLLE ESTE DOMINGO A MÁIS DE 160 DUATLETAS NO SEU I DUATLÓN DE ESTRADA

6 de Marzo de 2020

O Concello de Moraña vai acoller este domingo, 8 de marzo, o seu I Duatlón de Estrada, que reunirá a máis de 160 deportistas entre federados e pertencentes á categoría popular e que se enmarca no Circuíto Galego 2020 desta modalidade. Esta proba foi presentada esta mesma tarde no consistorio pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, e representantes da Federación Galega de Triatlón e Pentatlón Moderno e do Triatlón PC Rías Baixas xunto con membros dos equipos de seguridade e voluntariado.

A competición arrancará da contorna da Carballeira de Santa Lucía, que é onde se farán tamén a transición e os trámites administrativos, ás 10.00 horas coa categoría popular, que dará o testemuño ás probas con corte, masculina (10.45 horas) e feminina (12.30 horas). Está previsto que a entrega de premios se produza en torno ás 14.15 horas.

Este duatlón en estrada, que outorga dereitos de clasificación para o Campionato Xunta de Galicia desta práctica deportiva, terá o mesmo esquema nas tres categorías, con carreiras a pé, competición de bicicleta e, xa para rematar, unha nova carreira. A organización habilitou un circuito na PO-226 cara Cuntis para as carreiras a pé que se prolongará dende Santa Lucía hasta case o cruce do Souto e outro, na mesma estrada autonómica, cara Campo Lameiro que chega practicamente ao entronque de Paraños. Loxicamente, estes percorridos permanecerán cortados dende primeira hora e durante toda a mañá e estarán debidamente sinalizados e establecidos os seus traxectos alternativos.

A proba, organizada pola federación, o clube Rías Baixas e Lodeco, conta coa colaboración do Concello de Moraña, a Policía Local, a Deputación, Protección Civil, a Secretaría Xeral para o Deporte, o Club Atletismo +9 Moraña e o Club Atletismo Moraña en Ruta.

A rexedora local amosou a súa satisfacción por acoller novamente un evento deportivo de gran importancia no calendario galego e quixo convidar a todos os veciños a gozar do espectáculo desta competición e animar aos deportistas. Tamén agradeceu a confianza dos organizadores en Moraña para recibir a unha proba de primeiro nivel e garantíu unha boa organización pola experiencia do Concello e o gran traballo de voluntarios e colaboradores.

Quizáis che interese…