Esta fin de semana celebraranse, con participación galega, a Copa de Europa de Funchal e a Copa do Mundo de Huelva, nas que os nosos triatletas tentarán facer un bo papel.
A primeira en celebrarse será a Copa de Europa de Tríatlon Sprint de Funchal, que terá lugar o sábado 23 (16:00 horas) coa inscrición dos galegos Carlos Brión e Iago Lorenzo. Esta proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).
O domingo 24 disputarase a Copa do Mundo de Tríatlon de Huelva, con presenza de deportistas galegos tanto na categoría masculina coa feminina. A proba feminina comezará ás 9:00 horas con Camila Alonso, Inés Santiago (ambas competiron a semana pasada en Rotterdam), Melina Alonso, Sara Guerrero e a venezolana con licenza galega Joselyn Brea. Non será unha proba sinxela, xa que hai importantes competidoras, pero as galegas tentarán, neste tramo final da tempada, coller puntos para o ranking mundial.
Na proba masculina (12:15 horas) contamos con dous homes que poden loitar polos postos de cabeza, como son Uxío Abuín e Antonio Serrat, que veñen de Rotterdam, onde Antonio foi quinto no Mundial sub 23 e Uxío participou na Gran Final das Series Mundiais. A Copa do Mundo de Huelva celébrase sobre a distancia olímpica, de forma que as e os deportistas terán que facer 1.500 metros de natación en Punta Umbría, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe (xa pola cidade de Huelva).