A pontevedresa Saleta Castro acadou hoxe o segundo posto no Ironman de Maastricht e da así un gran paso cara a acadar a clasificación para o Mundial de Hawaii na categoría profesional. A falta de que se dea a coñecer a lista oficial de clasificadas para Kona, o seu soño está a piques de converterse en realidade.
Saleta chegaba a este Ironman co obxectivo de clasificarse entre as tres primeiras. Nos días previos, sufriu por ter perdido o seu material deportivo (bicicleta incluída) pero unha vez solucionado o problema, centrouse no aspecto deportivo. A segunda dificultade estaba no feito de que tivera pouco tempo de recuperación dende o Ironman de Frankfurt, pero a ilusión da galega podía con todo.
En Maastricht a participación era escasa (cinco deportistas na categoría profesional) e a estadounidense Mary Beth Ellis parecía a clara favorita. E así foi. Ela fixo a súa carreira particular, mentres que o resto pelexaba polas seguintes posicións.
Na auga, Saleta Castro realizou os 3.800 metros nun tempo de 54:44 e ocupaba a cuarta posición. Na bicicleta (180 quilómetros) a nosa deportista sufriu moito e fixo un tempo bastante malo, de forma que chegou á segunda transición na última posición. Pero Saleta estaba disposta a loitar ata o final.
Así, na carreira estivo novamente espectacular, logrando o mellor tempo da súa vida na maratón (3:04:47, incluso mellor que en Alemaña) o que lle permitiu colocarse na segunda posición cun tempo final de 9:51:07. O triunfo foi para Ellis cun tempo de 9:24:42, mentres que o bronce foi para Tineke Van der Berg (Holanda).
Obxectivo cumprido para Saleta. No seu facebook manifestaba a súa ledicia: “Si luchas por lo que quieres, al final llega!! Ahora sí que sí, mi sueño cumplido. ROAD TO KONA!”.
Raña, sétimo en Budapest. Pola súa banda, Iván Raña acadou o sábado, cunha gran calor, a sétima posición (3:46:04) no 70.3 de Budapest. O galego mostrábase satisfeito polo traballo realizado, preparatorio para o Mundial de Kona.