Sara Guerrero e Esteban Basanta coroáronse campións galegos de Tríatlon Sprint en Ferrol

25 de Agosto de 2025

Ferrol acolleu esta fin de semana o Campionato Galego de Tríatlon Sprint, disputado sobre as distancias de 750 m de natación, 20 km de ciclismo e 5 km de carreira a pé. A cita reuniu boa parte da elite autonómica e ofreceu unha xornada chea de emoción e espectáculo deportivo.

Categoría feminina

Na proba feminina, a favorita Sara Guerrero confirmou os prognósticos e impúxose con autoridade, cun tempo final de 1:04:21. Superou en 38 segundos á madrileña Ana Carballo, mentres que o terceiro posto foi para Carla Guisande, a 46 segundos, quen compite con licenza galega.

En clave galega, o podio autonómico completárono María Alzaga e Natalia Castro, terceira e cuarta no Campionato Galego. O quinto posto foi para Elsa Pena.

A carreira comezou cunha brillante natación de Ana Santiso (10:52), seguida dun grupo compacto de 17 triatletas en menos de 20 segundos. No tramo ciclista, Guerrero deu un golpe de autoridade nos quilómetros finais, abrindo unha diferenza de 18 segundos sobre un grupo perseguidor encabezado pola súa compañeira de club, María Alzaga. Xa na carreira a pé, Guerrero confirmou a súa superioridade e selou un triunfo incontestable, reafirmando o seu dominio no tríatlon galego.

Categoría masculina

A competición masculina estivo marcada desde o inicio polo empuxe de Damián Suárez, Alejandro Rodríguez Rilo e Esteban Basanta, que saíron da auga con seis segundos de vantaxe sobre Antonio Serrat e con 28 sobre un grupo perseguidor liderado polo novo Patiño.

No segmento ciclista, o trío de cabeza mantivo a súa renda e deixou a Serrat sen opcións, ata ser absorbido polo segundo grupo perseguidor. A chegada á T2 confirmou a escapada: Suárez, Basanta e Rilo afrontaban a carreira a pé con 40 segundos de marxe sobre un pelotón moi estirado.

Os 5 km finais decidiron o desenlace. Cun sólido parcial, Esteban Basanta proclamouse campión galego cun tempo de 56:05. A remontada do día protagonizouna Jarno Pousada, que desde o grupo perseguidor alcanzou a segunda praza a 18 segundos do vencedor. O podio completouno Damián Suárez, a 38 segundos. O Top-5 masculino pechouse con Lucas Riola e Alejandro Rodríguez Rilo.

Proba aberta Tríatlon Popular

Ademais das dúas probas na loita polo título de campión e campioa galega, o domingo pola mañá tivo lugar un tríatlon popular polas rúas de Ferrol. Nesta cita aberta participaron deportistas de todas as categorías, que gozaron dun percorrido accesible e dun ambiente festivo.

Todas as clasificacións aquí: https://share.google/Qeb9oaQlonZrwXL4I

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.