O pasado sábado 3 de maio, a localidade de Vimianzo acolleu a cuarta edición do Dúatlon Val de Soneira – Concello de Vimianzo, que este ano foi tamén sede do Campionato Xunta de Galicia de Dúatlon de Estrada, na modalidade sprint. A xornada deportiva incluíu ademais unha proba do Circuíto Súper Sprint CD/XV/JN e unha competición popular aberta e inclusiva.
Sara Guerrero domina con autoridade na categoría feminina
En categoría feminina, a vitoria foi para a triatleta internacional Sara Guerrero, do Club Náutico de Narón, quen dominou con claridade a carreira: “Era un poco lo que tenía programado, hacer el primer 5.000 tranquila y darlo todo en la bicicleta”, declarou tras cruzar a meta.
Completaron o podio Eva Piñel (Club Deportivo Delikia), segunda, e Sara Reimondo (Cidade de Lugo Fluvial), terceira.
Durante o primeiro segmento de carreira a pé, de 5 km, a gran protagonista foi Reimondo, que marcou un ritmo moi alto desde o inicio e chegou soa á primeira transición cun tempo de 16:37. Por detrás, tamén en solitario, chegou Eva Piñel: “Una carrera muy dura, Reimondo impuso un ritmo muy exigente. En el ciclismo logramos hacer relevos y Sara apareció como un foguete”, explicaba. Algo máis atrás viñan Sara Guerrero e un grupo perseguidor con Candela Sánchez (Cuarta clasificada da proba e terceira do galego), Lara Solsona e Karyna Yevtushenko.
No segmento ciclista, Guerrero protagonizou unha gran remontada que lle permitiu colocarse en cabeza, mentres que Reimondo caía á terceira posición e Piñel se mantiña sólida no segundo posto.
Os últimos 2.500 metros de carreira a pé non alteraron a clasificación. Sara Guerrero proclamouse campioa galega cun tempo de 1:01:35, seguida de Eva Piñel (1:02:18) e Sara Reimondo (1:02:55), que comentaba na liña de meta: “Fue una carrera dura. El primer tramo de carrera a pie lo disfruté bastante, pero sufrí en la bici, me quedé sin cambios y tuve que apañármelas como pude”.
Jarno Pousada impón o seu ritmo e vence na carreira masculina
Na categoría masculina, o triunfo foi para Jarno Pousada, do Cidade de Lugo Fluvial, quen confirmou o excelente estado de forma que xa demostrara ao proclamarse subcampión de España en Cáceres o pasado 29 de marzo. Pousada dominou unha carreira táctica e moi igualada, compartindo protagonismo con Iván Puentes (Club Triatlón Ferrol) e o seu compañeiro de club Esteban Basanta, que foron segundo e terceiro respectivamente.
Desde os primeiros metros, os tres destacáronse do resto de participantes, formando un grupo compacto e colaborando de forma eficiente no segmento ciclista.
“La primera carrera a pie fue bastante rápida, Iván tiró fuerte desde el principio. Me bajé de la bici delante de ellos y salí a tope en la segunda transición para intentar abrir hueco lo antes posible y aguantar hasta meta”, explicou Pousada.
Iván Puentes valorou positivamente a estratexia conxunta: “La verdad que muy bien desde el principio. En bici nos entendimos genial, fuimos dando relevos continuamente y muy rápido. Al bajarse a correr, Jarno fue claramente el mejor”.
Esteban Basanta, terceiro en meta, tamén destacou a intensidade da proba: “Ha sido una carrera muy dura. La verdad es que parecía más un entrenamiento; íbamos los tres a relevos constantemente”.
Jarno Pousada cruzou a meta cun tempo de 52:17, seguido de Iván Puentes (52:39) e Esteban Basanta (53:20).
Unha festa do deporte para todos os públicos
A xornada contou tamén cunha proba do Circuíto Súper Sprint CD/XV/JN e cunha competición popular, aberta e inclusiva, que permitiu a participación de deportistas de todos os niveis. As rúas de Vimianzo enchéronse de esforzo, paixón e espírito competitivo, ofrecendo unha experiencia deportiva vibrante para participantes e espectadores.
Os resultados completos do evento poden consultarse aquí
Brillante actuación galega no Triatlón Playas de Orihuela
Tamén esa fin de semana celebrouse o Tríatlon Playas de Orihuela, único clasificatorio nacional para o Campionato de España de Tríatlon en distancia olímpica, que terá lugar nas vindeiras semanas na Coruña. A representación galega foi protagonista absoluta, acadando un triplete no podio feminino:
- María Alzaga (Club Náutico de Narón), primeira con 2h08m49s
- Natalia Castro (Club Deportivo Delikia), segunda con 2h10m59s
- Ana Gómez (Cidade de Lugo Fluvial), terceira con 2h12m40s
Os resultados completos do clasificatorio están dispoñibles aquí