Fin de semana de éxitos para o tríatlon galego
O primeiro fin de semana de novembro (1 e 2 de novembro de 2025) deixou grandes resultados para o tríatlon galego en diferentes escenarios do mundo. A galega Sara Guerrero colgouse a medalla de prata na Copa do Mundo de Viña del Mar (Chile), mentres que Xandre Álvarez proclamouse subcampión de España de Tríatlon de Media Distancia en Eivissa. Ademais, a triatleta con licenza galega Sara Pérez Sala impúxose no Challenge Family de Xiamen (China).
Sara Guerrero, subcampioa na Copa do Mundo de Viña del Mar
O 2 de novembro disputouse en Chile unha nova edición da Copa do Mundo de Viña del Mar, unha proba marcada polo oleaxe, o uso obrigatorio do neopreno e un altísimo nivel competitivo.
Na categoría feminina, a luxemburguesa Jeanne Lehair levou a vitoria cun tempo de 56:13, pero a gran noticia foi o subcampionato de Sara Guerrero, do Náutico de Narón, que asinou unha actuación impecable para confirmar a súa progresión internacional. Guerrero cruzou a meta a só 23 segundos de Lehair, despois de liderar boa parte do segmento ciclista e manterse firme durante a carreira a pé. Completou o podio a venezolana Rosa Elena Martínez, a 57 segundos da gañadora.

2025 World Triathlon Cup Vina del Mar by @wags.photo / @worldtriathlon
Na categoría masculina, o brasileiro Manoel Messias impúxose nun final axustado. O español David Cantero asinou unha brillante terceira posición, mentres que o galego Antonio Serrat (Cidade de Lugo Fluvial) rematou 11.º, lastrado por un mal segmento de natación, aínda que completou un ciclismo sólido e unha boa carreira a pé.
Xandre Álvarez, subcampión de España de Media Distancia e campión sub-23

En Eivissa, o triatleta do Pabellón Ourense, Xandre Álvarez, protagonizou unha destacada actuación no Campionato de España de Tríatlon de Media Distancia, onde acadou o subcampionato absoluto e o título sub-23.
A vitoria foi para Diego Méntrida (Peñota Dental Alusigma), que completou a proba en 3h16m56s tras unha gran remontada no sector ciclista e un poderoso tramo final de carreira a pé. Álvarez, sempre nas posicións de cabeza, cruzou a meta en 3h18m09s, mentres que Nacho Villarruel (Desam.es) completou o podio con 3h21m30s.
Tamén destacou Alejandro Rodríguez Rilo (Club Deportivo Delikia), que finalizou en oitava posición antes de ser descalificado por non cumprir unha sanción por drafting. O seu compañeiro de equipo, Jonathan Sánchez acadou unha meritoria 15.ª praza.

Sara Pérez Sala, ouro no Challenge Xiamen
Pola súa parte, a triatleta do Cidade de Lugo Fluvial, Sara Pérez Sala, continúa a demostrar un excelente estado de forma. Despois de conseguir o bronce hai dúas semanas no T100 de Wollongong (Australia), este sábado volveu subir ao máis alto do podio no Challenge Family de Xiamen (China). A barcelonesa, de 37 anos, dominou a proba de principio a fin, confirmando que atravesa un dos mellores momentos da súa carreira deportiva.




