Sara Guerrero roza o podio na Copa de África
Natalia Castro, sexta, e Esteban Basanta, sétimo, tamén estiveron entre os mellores en Tánger
Tres triatletas galegos competiron este domingo na Copa de África disputada na cidade marroquí de Tánger e os tres movéronse nos postos de cabeza. Sara Guerrero obtivo o mellor resultado do trío autonómico, ao rematar cuarta quedándose a 6 segundos de subir ao podio. Natalia Castro, sexta, e na competición masculina Esteban Basanta, sétimo, tamén obtiveron un botín de puntos que lles permite escalar posicións no ranking mundial, a clasificación que dá acceso ás Copas do Mundo e ás Series Mundiais.
Nunha das últimas citas da temporada, Guerrero e Castro formaron parte da decena de triatletas que despois de nadar e do sector de bicicleta comezaron xuntas a correr a pé. A naronesa mantívose ata o treito final na pugna por subir o caixón. A portuguesa Melanie Santos superouna por 10” e a francesa Kristelle Congi, por 6”. A catalá Anna Godoy fíxose coa vitoria por 7” de marxe en relación á segunda de clasificada.
Dous postos por detrás de Guerrero, e a 38” da súa compañeira no Náutico de Narón, concluíu na sexta praza Castro. A bueuesa foi a primeira Sub23 que cruzou a liña de meta. Outro sobranceiro resultado rubricado tres semanas da Copa do Mundo de Viña del Mar
Ata Chile tamén se desprazará Esteban Basanta, quen en Tánger ratificou o seu bo estado de forma 15 días despois de proclamarse campión de España Sub23 na modalidade de Sprint. O triatleta do Cidade de Lugo Fluvial saíu moi ben situado da auga, rodou no grupo de cabeza e no último sector cedeu os 30” que o separaron do gañador, o azarí Rostislav Pevtsov. O lucense finalizou sétimo a 20” do toledano Ángel Sánchez, terceiro e mellor español.