Galicia acadou un total de sete medallas (catro ouros, dúas pratas e un bronce) na terceira e última proba do Campionato de España de seleccións autonómicas de Péntatlon Moderno celebrada hoxe en Punta Parayas (Cantabria).
Na categoría benxamín a Federación só levaba a un competidor na categoría masculina, Lucas Pena, que non puido facer un papel mellor: Logrou a medalla de ouro, como xa fixera na primeira proba deste campionato.
En alevín os resultados foron moi bos para Galicia co segundo posto de Esteban Basanta na categoría masculina e o dobrete na feminina: Andrea Vidal logrou a primeira posición, mentres que María López ocupou o terceiro chanzo no podio.
En infantil feminino tamén houbo medalla para os representantes da Federación Galega. Lorena Iglesias logrou a medalla de prata, mentres que Yolanda Rodríguez e Javier Pena acariñaron o metal, pero finalmente tiveron que conformarse coa cuarta posición.
Aroa Freije regresaba á competición despois dunhas semanas de ausencia por culpa dunha lesión e a súa reaparición non puido ser mellor. A galega logrou a medalla de ouro (fixo pleno nas tres probas celebradas) en cadete feminino, mentres que a súa compañeira Lúa Vidal foi quinta clasificada.
Por último, sinalar o ouro acadado por Raúl Blanco (que adestra no CAR de Barcelona) e que está volvendo a conseguir uns magníficos resultados despois dun período de adaptación. Ademais, o outro galego na categoría xuvenil masculina, Yoel Rois foi cuarto clasificado.
O campionato de España por autonomías de péntatlon –nas categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil- está formado por tres probas. Nas categorías benxamín, alevín e infantil as e os deportistas realizan somentes as probas de combinada (carreira e tiro) e natación, mentres que en cadete e xuvenil tamén compiten en esgrima. A proba de hípica só se realiza nas categorías superiores (xúnior e absoluto), que non están incluídas neste campionato. Agora queda pendente o Campionato de España individual que se celebrará en Barcelona na segunda semana do mes de xullo.