Magnífica tempada a de Susana Rodríguez Gacio, que completou hoxe en Gold Coast (Australia) logrando o título de campioa do mundo de Paratríatlon na categoría PTVI (para deportistas con impedimentos visuais). Era a primeira vez que disputaba o Mundial con Paula García Godino (esta é a primeira tempada que adestra e compite con esta deportista) e os resultados non poden ser mellores.
A deportista do Mar de Vigo chegaba nun gran momento de forma a esta proba, despois dun verán de moito traballo coa súa guía e da man do seu adestrador, Luis Piña. E todo iso veuse reflectido na proba de hoxe.
Susana e Paula fixeron en Gold Coast unha proba case perfecta. Na natación saíron por diante as B1 (que teñen 3:42 de vantaxe polo seu factor), pero a unha distancia asumible de remontar. Por iso o máis importante, e que estaban moi igualadas coa que en principio era a favorita e principal rival, a británica Alison Patrick.
Na bicicleta, o noso tandem comezou a recortar ás B1 (Canadá e Italia), á vez que conseguían ir sacando escasos, pero moi importantes segundos, a Alison Patrick (campioa de Europa 2018, por diante de Susana) e a australiana Katie Kelly (campioa do mundo 2017). Así chegaron á segunda transición cuns 20 segundos de vantaxe.
Na carreira a pe non só consolidaron a diferenza, senón que foron quen de incrementala ata chegar a meta con máis dun minuto de distancia sobre Alison Patrick. Susana Rodríguez proclamouse campioa do mundo cun tempo de 1:03:32, mentres que Patrick foi prata (1:07:37) e Katie Kelly logrou o bronce (1:09:02).
Susana, ao remate da proba, amosaba a súa satisfacción polo título e a actuación: “Sabíamos que estábamos en moi bo estado de forma, pero tiñamos rivais moi difíciles, ás que nas últimas probas non conseguimos vencer. Fixemos a carreira perfecta, dende a natación, para superalas”. Agora toca “gozar do triunfo, vacacións e, obviamente, seguir traballando para o noso gran obxectivo que son os Xogos de Tokio”. Susana lograra o título de campioa do mundo no ano 2012 en Auckland (Nova Zelanda).
E non foi o único metal galego do día. Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), que ía como guía do valenciano Héctor Catalá tamén na categoría PTVI (masculina), subíu ao podio para recoller a medalla de bronce.
Gustavo leva moi pouco tempo nesta aventura que lle chega da man de Catalá, pero ten moita ilusión, xa que enfrontan o reto de acadar a súa clasificación para os Xogos Paralímpicos de Tokio. Un fermoso e ambicioso obxectivo. De inicio, acadaron hai dúas semanas o título de campións de España na Coruña e agora o bronce mundial.
Na proba de hoxe Catalá e Gustavo estiveron dende o inicio en posto de podio e non moi lonxe dos deportistas que ían por diante, pero ao final non puideron alcanzalos. O ouro foi para o británico Dave Ellis (59:51), con Aaron Scheidies (USA) na segunda posición (01:00:11) e Héctor Catalá, terceiro (01:00:30).
Júnior. Hoxe tamén tivo lugar a proba júnior coa participación da galega Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) na categoría feminina. Iria non chegaba no mellor momento de forma –foi atacada por un virus que lle fixo perder moito peso – e, a pesar do esforzo e a ilusión coa que enfrontaba a proba, non puido acadar un bo resultado. Iria foi 47ª cun tempo de 01:06:49.
Aquí tedes o enlace cos resultados:
https://www.triathlon.org/results/result/2018_itu_world_triathlon_grand_final_gold_coast/323058
Agora só faltan os relevos mixtos sub 23 –con Antonio Serrat no equipo– e a proba elite masculina, que se celebrarán mañá. Na última proba das Series Mundiais está o título de campión do mundo en xogo, aínda que Mario Mola é o principal favorito, ao chegar a esta proba con moitísima vantaxe sobre o resto (sería o terceiro mundial consecutivo para o mallorquino).
Nesta proba, Fernando Alarza tentará loitar por subir ao podio, mentres que Uxío Abuín buscará quedar o máis arriba posible para sumar puntos no ranking mundial.