A Unión Internacional de Pentatlón Moderno tomou a decisión de suspender a proba da Copa do Mundo de Pentatlón Moderno de Acapulco e celebrar as dúas finais dentro de 6 ou 7 semanas en Europa. O motivo da dita decisión foi o plante realizado polos deportistas ante a pésima condicións nas que se atopaban os cabalos cos que contaba a organización para realizala proba de equitación.
O problema xurdiu xa na final feminina, xa que a metade das deportistas remataron accidentadas e non se puido rematala competición. Ao ver esta situación, os deportistas masculinos decidiron que non ían disputala final nesas pésimas condicións.
Finalmente, despois de varias horas de negociacións, a Federación Internacional decidiu que se celebrarán as finais, tanto masculina coma feminina, dentro de 6 ou 7 semanas en Europa, e será a Internacional quen asuma os gastos de desprazamento das e dos participantes.
Así, teremos que esperar para ver en acción a Cristóbal Rodríguez, que logrou a clasificación para a final dunha forma brillante. O galego fixo unha moi boa natación e esgrima, aínda que estivo un pouco máis discreto na combinada (carreira e tiro), pero logrou o pase á final con moita comodidade, ao clasificarse no posto 22 dos 36 clasificados, nunha proba na que estaban os mellores pentatletas do mundo.