Tres deportistas galegos participarán este domingo 23 de febreiro (09:00 horas) no Campionato de España de Duatlón Longa Distancia, que se celebrará en Orihuela (Alacante).
Na categoría feminina estarán presentes dúas representantes do Tri-Penta Terras de Lugo: Marina González e Noelia Mora, que viaxan coa intención de loitar polos primeiros postos, principalmente Marina. E quedou fóra do grupo a tamén galega Nerea Castro, que estaba inscrita pero caeu do listado por culpa dunha lesión. Esta ausencia deixa ao club sen opcións de loitar polo título na categoría de clubs. Ademais, tamén participará en grupos de idade o galego Jorge de la Puente (Tri-Penta Terras de Lugo), onde haberá 212 deportistas.
As distancias neste campionato de longa distancia serán de 16,4 quilómetros de carreira a pe, 66 quilómetros de bicicleta e finalizarán con 8,2 quilómetros de carreira a pe. O circuíto da carreira a pe é bastante exixente, con tramos de subidas e baixadas fortes.