Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou hoxe en Banyoles o título de campión de España de Tríatlon na distancia sprint, nunha espectacular proba. O galego estivo sempre nas primeiras posicións e foi, xunto a Antonio Serrat (que quedou descolgado nos últimos quilómetros), un dos actores principais da competición. A proba tivo como vencedor a Rostyslav Pevtson, nun emocionante sprint con Uxío, pero o triatleta uzbeko non contaba para o campionato de España. Ademais, Galicia conta con outras campioas de España: Inés Castaño (Arcade Inforhouse) logrou o título na categoría júnior feminina e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) na categoría sub 23.
A última das probas do día foi a elite masculina, cunha destacadísima participación, xa que na liña de saída había moitos internacionais. Partía como gran favorito David Castro, que estaba nun momento doce, pero unha inoportuna caída nos últimos metros da bicicleta, deixouno sen opcións de loitar polo triunfo (aínda que rematou a proba).
Uxío Abuín e Antonio Serrat estiveron nas primeiras posicións dende a natación, e incluso no inicio da bicicleta parecía que lograban escaparse nun grupo de catro, pero enseguida o pelotón principal reaccionou e xa non houbo máis opcións. Así, chegouse a segunda transición con todo por decidir, e novamente Uxío e Antonio foron valentes e buscaron as primeiras posicións. De entrada formouse un grupo de cinco deportistas (Uxío, Antonio, Roberto Sánchez, o ruso Pevtson e Camilo Puertas), que foi perdendo integrantes para quedarse finalmente o deportista de Azerbaián e o deportista de Lestrove loitando polo triunfo. Aínda que o título xa estaba asegurado, Uxío tamén quería vencer e aumentou o ritmo a falta duns 200 metros, pero Pevtson non cedeu e atacou nos intres finais para lograr a vitoria nun fermoso sprint. De destacar o gran final de Pablo Dapena que veu remontando posicións, nunha distancia que non é a súa (agora especializado na longa distancia) e logrou rematar na quinta posición da proba (cuarto no Campionato de España). Ademais, Antonio Serrat, que se afundiu no tramo final da carreira a pe, foi oitavo (sétimo no Campionato) e bronce na categoría sub 23.
Na categoría feminina escapouse a medalla para o tríatlon galego por moi pouco. Camila Alonso foi cuarta no Campionato de España (sexta na proba). Dende a natación Carolina Routier logrou escaparse xunto a australiana Natalie Kristen Van Coevorden e xa non se baixaron de aí. Por detrás, un grupillo de triatletas na que estaban Camila Alonso, Melina Alonso, Sara Guerrero, Carmen Gómez, que na carreira a pe se rompeu para ir entrando as deportistas pouco a pouco en meta. Carolina proclamouse campioa de España (por detrás da australiana) e Camila quedou moi preto do podio, ao chegar a meta na sexta posición (cuarta do campionato de España). Ademais, Melina foi undécima; Sara Guerrero, 14ª; Carmen Gómez, 19ª no Campionato de España. Ademais, Camila Alonso proclamouse campioa de España na categoría sub 23.
Júnior. A mellor noticia da mañá chegou na proba feminina, na que Inés Castaño (Arcade Inforhouse) deu a sorpresa para acadar o título de campioa de España. Dende o inicio, a viguesa Iria Rodríguez, que inda está a recuperarse dunha fractura de estres nun pe, estivo entre as primeiras, saíndo da auga na segunda posición e con Anna Carvajal moi preto. Así, moi pronto ambas se puxeron en cabeza, cun grupo por detrás no que estaban a galega Inés Castaño, Lucía Salafranca, Tania Álvarez e Sharon García. Cando faltaban algo máis de 5 quilómetros de ciclismo, Iria desfondouse e o grupo perseguidor logrou poñerse en cabeza.
Na T-2 xa saíron xuntas as tres deportistas que lograron subirse ao podio: Inés, Sharon e Tania. Correron xuntas todo o segmento ata que a falta de un quilómetro Tania atacou e Inés respondeu perfectamente sen perder as súas costas, ata que esperou o seu momento para atacar e chegar a meta na primeira posición cun tempo final de 1:08:32. Pola súa banda, Iria Rodríguez rematou na novena posición.
Na categoría masculina, os galegos non acadaron grandes resultados. Marcos Ruiz, a pesar de que saíu moi ben colocado da auga, na transición perdeu uns segundos que foron cruciais ao quedarse nun segundo grupo. Finalmente rematou na 27ª posición, sendo o mellor galego clasificado Iván Puentes (21º), que foi de menos a máis para rematar cunha moi boa carreira a pe.
Cadete. As probas cadetes realizáronse en tandas dada a enorme participación, polo que houbo que esperar ata o final para saber quen era o vencedor. O galego Jorge González quedou moi preto das medallas na categoría cadete masculina, nunha proba na que Esteban Basanta tamén logrou un magnífico posto ao finalizar na sétima posición. Jorge saíu da primeira transición na segunda posición despois de facer unha grande natación a pesar de que o colocaron na peor zona e tivo que facer máis metros. O galego estivo sempre moi ben colocado e loitou ata o final cos mellores, para rematar na cuarta posición, a so un paso das medallas. Hai que destacar a magnífica remontada de Esteban Basanta, que na segunda transición era 17º, e logrou remontar dez postos na carreira a pe.
Na categoría feminina, destacar que Henar Cons saíu da auga na primeira posición, pero despois tivo algúns problemas mecánicos na bicicleta e que a colocaron no terceiro grupo e xa sen opcións. Rematou na 25ª. As distancias cadete son de 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe.
Mañá domingo 23 celebrarase o Campionato de Europa de Tríatlon por clubs e o Campionato de España de Acuatlón (tamén nas categorías cadete, júnior, elite e grupos de idade).