Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) rematou a tempada da mellor forma posible: O galego acadou o triunfo na Copa do Mundo de Tongyeong (Corea do Sur) nun emocionante sprint entre catro deportistas. Na categoría feminina, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi 13ª, mentres que a súa irmá Melina (Tríatlon Ferrol) ocupou a posición 24.
Na proba masculina, Uxío saíu da auga con 11 segundos de desvantaxe que recuperou moi pronto na bicicleta e logrou meterse no grupo principal, que estaba formado por 27 deportistas, e ao que se sumou o primeiro grupo perseguidor xusto antes de chegar a T2.
A partir deste intre, rompeuse a carreira. Quedaban por diante 5 quilómetros de carreira a pe e moi pronto quedaron en cabeza dez homes, entre os que se atopaba o galego Uxío Abuín. Todo se decidiu no sprint final, no que participaron Uxío, Matthew Mcelroy, Vladimir Turbayevskiy e Rostislav Pevtsov. Pero o noso deportista foi o máis forte e logrou o triunfo cun tempo de 53:39. A segunda posición foi para Matthew Mcelroy (a 1 segundo) e bronce para Vladimir Turbayevskiy. Desta forma, Uxío logrou a primeira vitoria nunha Copa do Mundo.
Na categoría feminina, bo papel da galega Camila Alonso que logrou a 13ª praza nunha disputada competición cun tempo de 01:01:13. Pola súa banda, a súa irmá Melina foi 24ª, cun tempo de 01:02:25. A vitoria foi para a estadounidense Summer Cook.