ESTA FIN DE SEMANA DECIDIRASE A LIGA NACIONAL DE CLUBS DE DÚATLON EN SORIA

19 de Abril de 2018

Esta fin de semana decidirase en Soria a Liga Nacional de Clubs de Dúatlon, coa celebración dos campionatos de España de Dúatlon contrarreloxo por equipos e de relevos. Estes torneos serán a cuarta e quinta xornada da Liga Nacional de Clubs 2018, cos que rematará a Liga. Nestes intres, na categoría feminina o Cidade de Lugo Fluvial lidera a Liga Nacional de Clubs 2018, co Tri-Penta Terras de Lugo na cuarta posición. Na masculina o líder provisional é Diablillos de Rivas, mentres que Cidade de Lugo Fluvial ocupa o quinto posto e Tri-Penta Terras de Lugo é noveno.

 Na Primeira División (masculina e feminina) Galicia está representada por Cidade de Lugo Fluvial e Tri-Penta Terras de Lugo, mentres que en Segunda contamos con tres equipos na categoría feminina (Naútico de Narón, Arcade Inforhouse, Olímpico de Vedra) e cinco na masculina  (Tríatlon Ferrol, Olímpico de Vedra, Talleres David Tríatlon Compostela, Natación Riveira e Arcade Inforhouse). Tamén haberá representación galega na proba Open e nos escolares.

 O Campionato de España de Dúatlon Contrarreloxo por equipos (escolar, open e elite) celebrarase o sábado 21 de abril a partir das 12:02 horas. Esta proba disputarase sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo pode estar formado por entre 4 e 6 integrantes, que terán unha saída individualizada por club e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta.

A primeira proba en celebrarse será o Campionato de España de Dúatlon por equipos escolar, con distancias máis curtas (2,5 quilómetros carreira – 10 quilómetros de bicicleta – 1,25 de carreira a pe).

 O domingo 22 de abril celebrarase o Campionato de España de Dúatlon por relevos. Esta modalidade resulta moi atractiva e espectacular para o público. Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno dúatlon (2 quilómetros de carreira a pe, 5,3 quilómetros de bicicleta e 1.000 metros de carreira a pe). Terá lugar o domingo a partir das 9:00 horas e tamén se celebrará en elite, open e escolar.

Resultados 2017. O pasado ano o Cidade de Lugo Fluvial acadou dúas medallas de prata: Foi segundo en elite masculina no Campionato de España de Dúatlon Contrarreloxo por equipos e en relevos masculino.

 

 

Quizáis che interese…