O MUNDIAL DE DÚATLON 2014 CELEBRARASE OS DÍAS 31 DE MAIO E 1 DE XUÑO

22 de Outubro de 2013

O Mundial de Dúatlon de Pontevedra 2014 xa ten datas definitivas de celebración: Os días 31 de maio e 1 de xuño de 2014, tal e como xa estaba previsto. Este foi un dos acordos tomados na primeira reunión do comité organizador que se celebrou hoxe en Pontevedra.

Ao remate da reunión celebrouse unha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a representante da secretaría xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Laura Mosquera; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, e o vicepresidente da Federación Galega, Luis Piña.

Foi o alcalde o encargado de contar os acordos tomados nesta primeira reunión do comité organizador, na que tamén participou a deputada Ana Isabel Vázquez (en representación da Deputación Provincial). Lores explicou que xa falara con anterioridade co presidente da Deputación Rafael Louzán e que este organismo decidiu non participar neste evento “valora a realización do campionato, pero non é a súa prioridade nestes intres”. Desta forma, o Comité organizador estará formado por representantes do Concello, Xunta de Galicia (que manifestou a súa intención de apoiar este evento, entre outras cousas coa cesión das instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva), CSD, ITU, a Federación Española de Tríatlon e Federación Galega de Tríatlon.

Así, unha vez decidida a composición do Comité, comezou o traballo e xa se tomaron algunhas decisións importantes. A primeira foi confirmar a data de celebración do evento. Ao coincidir coa proba das Word Series de Tríatlon de Londres xurdiron as dúbidas, pero despois de analizar o calendario, as reservas xa existentes e a opinión do campión mundial  Javier Gómez Noya, decidiuse manter a data prevista a pesar da coincidencia. “Gómez Noya segue manifestando a súa intención de acudir se as cousas van ben para el no aspecto deportivo”, manifestou o máximo rexedor pontevedrés.

Cotas inscrición. Tamén quedaron decididas as cotas de inscrición para os duatletas participantes. Para os duatletas estranxeiros o custe de participación será de 155 euros (menos que no último campionato do Mundo celebrado en Canadá), mentres que para os duatletas españois e portugueses o custe será de 100 euros. O presidente da Fetri, José Hidalgo, agradeceu a sensibilidade do Concello de Pontevedra “que foi quen de facer unha rebaixa dun 35 por cento tendo en conta a situación económica actual que estamos a vivir en España e tamén no país veciño”. O obxectivo é superar os 1.200 deportistas, cantidade ata agora non lograda en ningún mundial de dúatlon. Nestes intres xa hai 300 reservas de duatletas británicos e 90 de canadenses e a estancia será de 4 ou 5 días, sobre todo no caso dos estranxeiros.

O alcalde tamén se referiu ao orzamento, que rolda os catrocentos mil euros, aínda que non está pechado, e tamén destacou a necesidade de buscar patrocinadores privados para facer cadrar as contas.

Quizáis che interese…