Este sábado 26 de outubro celebrarase en El Toyo (Almería) a Liga Nacional de Clubs de Primeira División, na que o Cidade de Lugo Fluvial defende o título feminino e o Arcade Inforhouse o segundo posto na categoría masculina. Ademais, celébrase a Liga de Segunda División e a de Promoción. En total hai 74 equipos pertencentes a medio centenar de clubs de todo o Estado.
Na Liga de Primeira División haberá unha importante presenza de clubs galegos. A proba feminina, con dez equipos participantes, comezará ás 15:00 horas e parte como favorito o Cidade de Lugo Fluvial, que defende o título. Tentarán poñerllo complicado o Arcade Inforhouse, o Tríatlon Ferrol (que foi cuarto o pasado ano) e o A.D. Fogar, representando ao tríatlon galego. Na proba masculina, que comezará ás 16:30 horas, tamén haberá dez clubs e dous deles son galegos (Cidade de Lugo Fluvial e Arcade Inforhouse).
Cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. O regulamento da proba sinala que aqueles deportistas que cheguen a meta cun tempo superior ao vinte por cento máis do primeiro clasificado, quedará descualificado. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación -20 quilómetros de bicicleta-5 quilómetros de carreira a pe) no parque natural de Cabo de Gata.
Resultados 2012. A edición do 2012 da Liga Nacional de Clubs de Primeira División, que se celebrou en Canet d´en Berenguer (Valencia), foi moi exitosa para os galegos: O Cidade de Lugo Fluvial logrou o título na categoría feminina, mentres que Arcade Inforhouse foi segundo na masculina e Cidade de Lugo, bronce.