CAMILA ALONSO, CAMPIOA IBEROAMERICANA DE TRÍATLON EN MONTEVIDEO

19 de Marzo de 2017

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) revalidou hoxe en Montevideo (Uruguai) o título de campioa iberoamericana de tríatlon, nunha proba que controlou de principio a fin. Pola súa banda, Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) rematou na sétima posición, mentres que Antón Ruanova (agora compite por Brasil) foi cuarto.

A gran alegría do día chegou da man de Camila Alonso. A triatleta do Grupo de Alto Rendemento do CGTD estivo sempre moi ben colocada. Rematou os 750 metros de natación –que se fixo sen neopreno- na terceira posición, a pouco máis de dez segundos da brasileira Vittoria Lopes.

Na bicicleta, estivo en cabeza durante os  20 quilómetros de bicicleta, xunto a Lopes, e lograron unha vantaxe de máis dun minuto sobre o grupo principal na chegada á T-2. Así, todo se decidiu na carreira a pe, onde a galega foi moi superior á brasileira e puido gozar na súa chegada a meta, onde foi saudando ao público ao chegar en solitario cun tempo de 01:02:30. Moita emoción na loita polos outros dous postos do podio, que se decidiu no sprint e na foto finish. A segunda posición foi para a mexicana Adriana Barraza (01:03:07), mentres que a ecuatoriana Elizabeth Bravo acadou a terceira posición co mesmo tempo.

Posteriormente celebrouse a proba masculina, na que Uxío comezou moi ben colocado, ao saír da auga na terceira posición. Pero na bicicleta perdeu uns segundos preciosos, que o deixaron un pouco descolgado na T-2. E na carreira a pe, non puido remontar polo que finalizou na sétima posición cun tempo de 58:02: Ademais, o galego Antón Ruanova (que agora compite con bandeira brasileira) foi cuarto clasificado, a só sete segundos do bronce. O título foi para o brasileiro Manoel Messias cun tempo de 57:20.

 

 

Quizáis che interese…