UXÍO ABUÍN, OURO E INÉS SANTIAGO, PRATA NA COPA DE EUROPA DE TRÍATLON SPRINT DE ALTAFULLA

2 de Xullo de 2017

O tríatlon galego volveu ser protagonista nunha proba internacional. Nesta oportunidade foi na Copa de Europa de Tríatlon Sprint de Altafulla, onde Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou a medalla de ouro nun competido sprint, mentres que Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) foi prata, tras unha gran remontada na carreira a pe. Ademais, Susana Rodríguez (Mar de Vigo) logrou o triunfo na proba de paratriatlon, categoría PT-VI. Esta proba era ademais o Campionato do Mediterráneo, e tanto Uxío coma Inés lograron o título nesta competición.

O paratriatlon foi o primeiro en disputarse e con magníficas noticias para o tríatlon galego, xa que Susana Rodríguez Gacio logrou o triunfo na súa categoría, para triatletas con discapacidade visual. A viguesa disputou esta proba coa guía Paula García Godino, no que foi o debú da madrileña nunha proba internacional xunto a Susana.

Na proba feminina grandísima actuación da triatleta do Tríatlon Ferrol, Inés Santiago, que logrou o segundo posto na Copa de Europa de Altafulla. A proba xa quedou bastante definida na auga, xa que saíron dúas deportistas destacadas (a norteamericana Summer Cook e a brasileira Vittoria Lopes) e a continuación un grupo de oito triatletas no que se atopaba Inés Santiago e pouco máis atrás Melina Alonso. A proba xa cambiou moi pouco. Ese pequeno pelotón tentou reducir as distancias, mentres que por diante Cook e Lopes parecían firmes, e mantiveron a distancia na bicicleta.  Pero Inés quería máis e na carreira a pe comezou unha remontada, que primeiro lle serviu para abandonar o seu grupo e despois alcanzar a brasileira ao final da primeira volta e xa estivo nesa posición ata o remate da proba. Así, a vencedora foi  Summer Cook cun tempo de 1:03:50, a segunda posición foi para Inés Santiago (01:05:12) e o terceiro posto para a italiana Zane. Ademais, Melina Alonso rematou na quinta posición (01:06:11) e Joselyn Brea, 13º. Sara Guerrero non puido finalizar a proba.

Na categoría masculina, espectacular triunfo de Uxío Abuín como máis lle gusta, amosando a súa velocidade ao sprint. Foi unha proba moi intensa e disputada, na que David Castro estivo moi presente ata que sufriu unha caída na bicicleta que o descartaba da loita polo triunfo. Por diante, un grupillo de triatletas con Uxío entre eles. E así, todo se resolveu nos metros finais, cunha fermosa competencia entre Uxío e Antonio Benito, que se decidiu a favor do de Vedra. Uxío Abuín foi primeiro (57:43), Antonio Benito quedou por detrás (57:45) e terceiro, Jordi García (57:51). Ademais, Alberto Castiñeira logrou entrar no top-20, ao rematar na 17ª posición, mentres que Andrés Cendán foi 36º.

 

 

 

 

Quizáis che interese…