O sábado 4 de xullo disputarase o V Tríatlon Concello de Poio, no que participarán 260 deportistas nas catro carreiras previstas pola organización. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2015.
A competición comezará ás 15:30 horas coa saída da proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 1,6 quilómetros de carreira a pe. O resto das probas será sobre a distancia sprint (750-20-5). A saída, boxes e meta estarán ubicadas no Porto de Campelo.
Ás 17:50 horas darase a saída á proba feminina, na que parten como favoritas as triatletas Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), María Martínez (Atletismo Porriño) ou Marta Barbeito (A.D. Fogar). Ademais, en paratriatlon participará a viguesa Susana Rodríguez Gacio (Cidade de Lugo).
Para a proba masculina haberá dúas saídas: ás 16:30 h comezará a proba B, mentres que ás 18:00 horas será a saída elite masculina. Na categoría masculina espérase unha loita pechada, ao non haber favoritos claros, con moitos deportistas dun nivel similar.
A carreira de Poio disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no mar, con saída dende o Porto do Campelo. A continuación os participantes realizarán 20 quilómetros do segmento de ciclismo (nun percorrido moi rápido con algunha pendente) e finalizarán coa carreira a pe de 5 quilómetros, que é moi dura, xa que practicamente a metade do circuíto é en subida.
Resultados 2014. O pasado ano Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse campións do IV Tríatlon Concello de Poio, no que participaron 230 deportistas.