FERNANDO LUIÑA E CRISTINA SANTIAGO, CAMPIÓNS GALEGOS DE LONGA DISTANCIA

29 de Xuño de 2015

Fernando Luiña (independente), segundo clasificado na primeira edición do NORTHWEST TRIMAN, fixo bos os prognósticos e subiu un chanzo no podio para levarse a vitoria do tríatlon distancia Ironman de Galicia e proclamarse campión galego de longa distancia, tras o transcurso dunha xornada que congregou nas Pontes a máis de medio millar de triatletas de toda España e Portugal. Na proba feminina, logrou o triunfo a deportista madrileña Ana López, mentres que Cristina Santiago (NoSportLimit-Trex Galicia) é a nova campioa galega.

A saída da proba produciuse ás 7 da mañá, cos 314 aspirantes a ‘homes/mulleres de ferro’ presentes na praia do Lago Das pontes e un enorme reto por diante: 3,8 quilómetros de natación, seguidos de 180 quilómetros de bicicleta sen drafting, ou sexa, sen poder ir a roda doutro competidor, para concluír cun maratón (42,195 quilómetros) de carreira a pé.

A néboa foi a gran protagonista das primeiras horas de competición. As previsións meteorólogicas esta vez non acertaron e os deportistas puideron evitar o sol e a calor ata aproximadamente a unha da tarde, seis horas despois do pistoletazo de saída. Unha bendición para o segmento de bicicleta, no que o vento tamén deu unha tregua aos triatletas, pois brillou pola súa ausencia. Iso si, durante a carreira a pé, o astro rei castigoulles sen ningún tipo de piedade.

Jesús Carlos Quintás (Nosportlimit-Trek Galicia) foi o primeiro participante en cubrir as dúas voltas ao percorrido de 1,9 quilómetros de natación, nun tempo de 54:45. Jorge Ramos (CD Triat-Alandalus) ocupaba a segunda praza, a 39 segundos, mentres que o terceiro en saír da auga era Fernando Luiña, 43 segundos máis tarde. Entre as féminas, Ana López (Fitness Sport Trlatlón) foi a máis rápida, con 1h05:52, seguida da portuguesa Teresa Cardoso (Motrinde-Clube dous Galitos), a pouco máis de dez minutos, e de Natalia Míguez (Trisada), a 13:28.

O liderado cambiou definitivamente nos boxes. Luiña foi o máis rápido dos primeiros clasificados en despoxarse do neopreno, colocarse o casco e calzarse as zapatillas, para subir á bicicleta xa na primeira posición. O segmento de bicicleta puxo os principais favoritos no lugar que os prognósticos prometían. Luiña cruzou a alfombra da segunda transición tras 5h51:25 de competición, e comezou o maratón con 11:26 de vantaxe sobre Chechu Penas (Trinity Triatlón) e con 11:44 sobre Luis Alberto Paredes (Club Triatlón Morrazo). Paredes comezou moi forte a carreira a pé, chegando a situarse a catro minutos dun Luiña que soubo controlar as distancias e administrar a súa vantaxe. O triatleta lucense levouse a vitoria cun rexistro de 9h23:10, con 4:06 sobre o cangués e 6:56 sobre Penas, que completou o podio.

Na proba feminina, a vitoria levouna Ana López, tras un intenso duelo coa portuguesa Teresa Cardoso. A portuguesa mandou durante o segmento ciclista, pero non puido coa mellor carreira da española, que tamén dominara na auga. A gañadora inverteu un total de 11h08:29 para completar os case 226 quilómetros de competición. Na segunda posición chegou a portuguesa Teresa Cardoso (11:13:16 ) e terceira foi Cristina Santiago (13:40:47).

A proba curta, na que os deportistas debían dar un só xiro a cada circuíto (1,9 km de natación, 45 km de bicicleta e 10,5 de carreira), tivo como vencedores a Sergio García (Arcade Inforhouse) e Marta Barbeito (AD Fogar).

Clasificacións

Quizáis che interese…