Varios clubs galegos participarán esta fin de semana no Campionato de España de Dúatlon por clubs, que se celebrará en Avilés. Este torneo será a cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon.
O sábado 22 celebraranse as probas de Promoción e a proba popular. Na promoción masculina (16:45 horas) participará o Talleres David Tríatlon Compostela, mentres que na feminina non haberá presenza galega.
O domingo 23 será o momento para a disputa das probas da Primeira e Segunda División nas categorías masculina e feminina. Na primeira División Masculina (13:30 horas) participarán 15 equipos, co Arcade Inforhouse, Olímpico de Vedra e Cidade de Lugo Fluvial entre os inscritos, mentres que na feminina (12:00 horas) os participantes galegos será o Cidade de Lugo Fluvial e o Olímpico de Vedra.
En Segunda División Masculina (10:30 horas), Galicia contará con catro representantes: Tri-Penta Terras de Lugo (cun equipo moi potente), Tríatlon Ferrol, Natación Riveira e Tríatlon Arteixo. Na categoría feminina (09:00 horas) o Tri-Penta Terras de Lugo será o representante galego.
Esta proba será a cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs e a formación das diferentes división realizarase en base á devandita Liga. Os equipos estarán formados por un máximo de 10 deportistas e un mínimo de 8 (Primeira División) e de 8-6 (en Segunda) e de 6 duatletas en Promoción. As distancias serán de 4,8 quilómetros de carreira a pe, 18,5 de bicicleta e 2,75 de carreira a pe, e a clasificación realizarase sumando os puntos que aportará cada deportistas do club polo seu posto na liña de meta.
2016. O pasado ano celebrouse a primeira edición deste campionato en Boiro e non houbo medallas galegas para os clubs galegos na Primeira División. A mellor posición foi o cuarto posto do Cidade de Lugo na categoría feminina.