Éxito para o Tri-Penta Terras de Lugo que, trala celebración do Campionato de España de Dúatlon por clubs en Avilés esta fin de semana, logrou o ascenso á Primeira División da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon, tanto na categoría masculina como na feminina. No aspecto negativo, están os descensos do Olímpico de Vedra (masculino e feminino) e do Arcade Inforhouse masculino.
Esta pasada fin de semana celebrouse en Avilés o Campionato de España de Dúatlon por Clubs con bos resultados a nivel individual dos nosos deportistas. Na Primeira División Masculina Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) foi terceiro, mentres que Iván Cáceres (Diablillos de Rivas) foi sexto clasificado. Pero na clasificación de clubs os resultados foron peores, nesta cuarta e última proba da Liga Nacional de Clubs. Na categoría masculina, o Olímpico de Vedra foi oitavo, o Cidade de Lugo Fluvial, 11º e o Arcade Inforhouse, 15º.
Con estes resultados e trala suma dos puntos acadados nas catro xornadas da Liga, confirmáronse os descensos á Segunda División de Olímpico de Vedra e Arcade Inforhouse.
Na Segunda División masculina, triunfo para Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) e segunda posición para Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo). Ademais, Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) foi cuarto, Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo), 9º e Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), décimo.
Na clasificación xeral, o Tri-Penta ocupou a terceira posición en Avilés e con este posto, sumados aos das outras tres probas, o club lucense confirmou o seu ascenso á Primeira División Masculina. Pero Tríatlon Arteixo e Artrogal-Tri 498 confirmaron os seus descensos a Promoción, de onde ascende o Talleres David Tríatlon Compostela, que en Avilés ocupou a segunda posición na clasificación.
Liga Nacional de Clubs Feminina. Na Primeira División feminina non houbo bos resultados nin para os clubs nin para as deportistas galegas. María Rico (Cidade de Lugo Fluvial) foi a deportista mellor clasificada dun club galego coa décima posición.
Na clasificación final, que foi encabezada polo Diablillos de Rivas, o Cidade de Lugo foi 8º e o Olímpico de Vedra, 14º. Trala suma dos resultados das catro probas que forman a Liga Nacional de Clubs de Dúatlon Feminina, confirmouse o descenso do Olímpico de Vedra (11º) por só catro puntos de diferenza co posto de salvación.
Na Segunda División Feminina, triunfo individual de Edymar D. Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), con Marina González (Tri-Penta ) na sexta posición e Joselyn D. Brea (Tri-Penta) na sétima. Finalmente o Tri-Penta Terras de Lugo foi sexto na clasificación por clubs e así confirmou o seu ascenso á Primeira División feminina. Tamén se confirmou o descenso do Mar de Vigo, que non participou ni en Avilés nin na segunda e terceira proba da Liga.