PABLO DAPENA E SALETA CASTRO, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON SEN DRAFTING EN BAIONA

4 de Xuño de 2017

Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) e Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon sen drafting, no III Tríatlon Atlántico Baiona celebrado hoxe. Na categoría feminina proclamouse vencedora da proba a neozelandesa Anneke Jenkins.

O Campionato Galego disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe) con saída dende a praia de A Barbeira. As e os deportistas non podían ir a roda doutro ciclista ou rodar en pelotón.

En ambas categorías houbo un dominador claro. Na proba masculina, Pablo Dapena foi en cabeza dende o inicio, controlando a perfección a natación e a bicicleta. Así, no terceiro segmento puido relaxarse un pouco e aínda así chegou a meta cunha cómoda vantaxe. O tempo de Pablo foi de 1:51:47. O segundo clasificado e subcampión galego foi Alberto Castiñeira (Tríatlon Arteixo) que foi o máis rápido na carreira a pe e fixo un tempo de 1:55:28. O bronce foi para Ismael López (Tríatlon Vilagarcía), que fixo unha proba moi regular, para deter o crono en 2:00:06.

podio fem BaionaNa categoría feminina, Anneke Jenkings (neozelandesa que non optaba ao título galego) controlou a proba con facilidade e foi a mellor en todos os segmentos para chegar a meta cun tempo final de 2:02:53.

Por detrás, Saleta Castro saíu na terceira posición da auga, pero remontou na bicicleta para colocarse nunha cómoda segunda posición que xa non abandonou ata o final. Desta forma, Saleta logrou o título de campioa galega cun tempo de 2:07:05. A continuación, Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) e Cristina Torres (Mar de Vigo), que completaron o podio do Campionato Galego.

Ademais, tamén hai que destacar a participación da paratriatleta viguesa Susana Rodríguez (Mar de Vigo), que competiu xunto á madrileña Paula García Godino, que fixo de guía de Susana por vez primeira, e con magníficas sensacións.

 

 

Quizáis che interese…