Cidade de Lugo Fluvial feminino e Peñota Dental masculino pechan a tempada das Ligas Nacionais de Tríatlon en Arenales del Sol

14 de Setembro de 2026

As Ligas Nacionais de Tríatlon Iberdrola e Suzuki puxeron o punto e final á tempada esta fin de semana en Arenales del Sol (Elx), escenario das dúas últimas xornadas de competición.

A antepenúltima xornada disputouse o sábado 12 de setembro coa celebración do Campionato de España de Tríatlon SuperSprint por Clubs, onde se impuxeron o CEA Bétera na categoría feminina e o Peñota Dental Tríatlon na categoría masculina. Durante a tarde tivo lugar a penúltima xornada, correspondente ao Campionato de España de Tríatlon por Remudas Mixtas, cunha nova vitoria para o CEA Bétera.

Os resultados destas probas mantiveron a emoción ata o último momento, con clasificacións xerais moi axustadas. Antes da xornada definitiva, apenas 13 puntos separaban ao Cidade de Lugo Fluvial e ao Club Deportivo Delikia na Liga Iberdrola, mentres que na Liga Suzuki a diferenza entre o Peñota Dental Tríatlon e o Cidade de Lugo Fluvial era de tan só 4 puntos.

A sétima e última xornada celebrouse co Campionato de España de Tríatlon SuperSprint 2×2, onde volveron impoñerse o CEA Bétera na categoría feminina e o Peñota Dental Tríatlon na masculina. Estes resultados confirmaron de maneira definitiva as vitorias do Cidade de Lugo Fluvial feminino na Liga Iberdrola 2026 e do Peñota Dental Tríatlon na Liga Suzuki 2026.

Liga Iberdrola: título para o Cidade de Lugo Fluvial

O Cidade de Lugo Fluvial feminino proclamouse campión da Liga Iberdrola de Tríatlon 2026, levando o título estatal ata Lugo tras unha tempada de gran regularidade. O podio final completárono as valencianas do CEA Bétera, na segunda posición, e o Club Deportivo Delikia, que asegurou unha destacada terceira praza para o tríatlon galego.

Entre o resto dos clubs galegos, o AD Náutico de Narón rematou na sétima posición, garantindo a súa continuidade na Primeira División nacional. Pola súa banda, o Tríatlon Inforhouse Santiago concluíu na décimo terceira posición, resultado que supón o seu descenso á Segunda División para a vindeira tempada.

Liga Suzuki: subcampionato para o Cidade de Lugo Fluvial masculino

Na Liga Nacional de Clubs Suzuki masculina, o Cidade de Lugo Fluvial pechou a tempada cun brillante subcampionato, rematando a tan só oito puntos do campión, o Peñota Dental Tríatlon. A terceira posición foi para o Club Deportivo Delikia, que completa así unha excelente tempada no seu debut na Primeira División nacional.

O Tríatlon Inforhouse Santiago finalizou na quinta posición, asegurando a súa permanencia na máxima categoría. O AD Náutico de Narón concluíu na décimo quinta posición, o que supón o seu descenso á Segunda División, mentres que o AD Fogar rematou noveno na clasificación da Segunda División. Pola súa banda, o Club Triatlón Ferrol masculino finalizou na décimo cuarta posición da Segunda División, polo que competirá na categoría de Promoción durante a tempada 2027.

As clasificacións completas do Campionato de España de Tríatlon SuperSprint 2×2 e das Ligas Nacionais poden consultarse nas canles oficiais da Federación Española de Tríatlon.

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.