ALBERTO GONZÁLEZ E MARÍA JESÚS COYA, VENCEDORES DO TRÍATLON VILA DE ALLARIZ

19 de Agosto de 2017

 Alberto González (Kafewake Race Team) e María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial) lograron hoxe a vitoria no  XXVIII Tríatlon Vila de Allariz, no que participaron uns  150 deportistas.

Na categoría masculina, Alberto González logrou o triunfo por terceiro ano consecutivo, nunha proba na que foi de menos a máis para finalizar cunha espectacular carreira a pe, que lle deu o triunfo cun tempo final de 1:10:09. A segunda posición foi para Jacobo Crego (Olímpico de Vedra) e o terceiro posto foi para Marcos Vila (Natación Pabellón Ourense).

Na proba feminina, a vitoria foi para María Jesús Coya que foi a mellor tanto na bicicleta como na carreira a pe. O seu tempo final foi de 1:23:32. A segunda posición foi para Ana Santiso (Náutico de Narón) e o terceiro lugar foi para Cristina Torres (Mar de Vigo).

A proba disputouse sobre as distancias de 750 metros de natación, 24 quilómetros de bicicleta e 5.500 metros de carreira a pe. Antes do inicio da proba guardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas dos atentados de Barcelona e Cambrils.

Quizáis che interese…