IVÁN RAÑA, UNDÉCIMO NO MUNDIAL DE IRONMAN DE KONA

15 de Outubro de 2017

O ordense Iván Raña rematou onte na undécima posición do Mundial de Ironmán de Kona, despois de facer unha boa maratón que lle permitiu recuperar varias posicións.

O galego fixo unha moi boa natación, polo que saíu da primeira transición na sexta posición. Parecía que os plans de Raña se estaban a cumprir tal e coma el os deseñara, e nos primeiros quilómetros da bicicleta seguía no grupo de cabeza. Pero a partir do quilómetro 15 comezou a ir perdendo postos pouco a pouco. No quilómetro 50 ía na 13ª posición, pero no 95 era 26º. E así, neses postos estivo ata o remate da bicicleta (26º). Faltaba o terceiro e último segmento, no que moitos triatletas desaparecen, pero non foi o caso de Iván. O galego foi recuperando postos pouco a pouco ata alcanzar a undécima posición cun tempo final de 8:24:53.

O título de campión do mundo de Ironman foi para o alemán Patrick Lange, nunha edición na que se pulverizaron marcas. Patrick Lange logrou o mellor rexistro de todos os campionatos do mundo disputados ata o de agora cun tempo final de 8:01:27, e tras facer unha espectacular remontada na carreira a pe (era undécimo cando comezou a correr). Tamén se bateu o récord no segmento de bicicleta.

O campión do mundo das dúas últimas edicións, Jan Frodeno, sufriu molestias no inicio da carreira a pe, que case o obrigan a retirarse, pero o alemán decidiu que quería rematar a proba coma fose, así que continuou para chegar na 35ª posición.

Quizáis che interese…