Comezou o Mundial e con pouca fortuna para os triatletas galegos presentes en Abu Dhabi. Esta proba, primeira das Series Mundiais de 2018, estivo marcada pola chuvia e as caídas, e isto foi un dos factores que impediron aos nosos deportistas brillar. Fernando Alarza, deportista do grupo de Alto Rendemento do CGTD e con licenza galega, rematou na 17ª posición, despois de caer na bicicleta e facer o segundo mellor segmento na carreira a pe. Pola súa banda, Uxío estivo a un altísimo nivel na natación, pero sufriu na bicicleta, para chegar na 38ª posición. En Abu Dhabi venceu Schoeman, que foi en cabeza dende a natación, mentres que Mario Mola foi segundo.
Foi unha proba atípica, porque non é habitual que chova en Abu Dhabi e iso afectou moito ao desenvolvemento da proba, xa que houbo varias caídas e os triatletas tiveron que extremar as precaucións para non caer ao chan. Así, Alarza caeu cando disputaba a última volta da bicicleta e perdeu uns segundos que foron decisivos. Iso si, hai que destacar o magnífico tempo logrado na carreira a pe (foi o segundo mellor, so por detrás de Mario Mola). Alarza chegou a meta na 17ª posición cun tempo de 58:25.
Pola súa banda, Uxío Abuín fixo unha espectacular natación, saíndo da auga na sétima posición a só 9 segundos do líder, Schoeman. Pero na bicicleta preferiu non arriscar, porque estaba o asfalto moi perigoso, e iso lle fixo perder bastante tempo e quedar descolgado do grupo principal. Así chegou a meta na 38ª posición (59:46).