Cidade de Lugo Fluvial proclamouse hoxe en Águilas (Murcia) gañador da Copa da Raíña de tríatlon (primeira proba da Liga Nacional de Clubs de Tríatlon) por diante do Tríatlon Ferrol, que foi segundo, nunha xornada espectacular para os clubs galegos, que se completou coa prata do Cidade de Lugo Fluvial masculino na Copa do Rei.
Copa da Raíña. A proba feminina foi a primeira en celebrarse do día. E dende o principio, Cidade de Lugo Fluvial (con Lucía Vergara, Sara Pérez, Saleta Castro, Iria Rodríguez, Maria Rico e Sara Alemany) e Tríatlon Ferrol (Ana Carvajal, Melina Alonso, Inés Santiago, Morgan Branchoux e Carmen Jiménez) estiveron nas primeiras posicións amosando a súa intención de loitar polo triunfo. Así o Cidade foi o mellor na natación, mentres que o Tríatlon Ferrol foi terceiro a escasos dous segundos. O tramo decisivo foi a bicicleta, na que o Cidade estivo a un altísimo nivel e logrou meterlle máis de un minuto e medio ao Ferrol. E as lucenses remataron a proba cun espectacular sector de carreira a pe, onde novamente volveron a estar entre as mellores, co mesmo parcial que o Tríatlon Ferrol. Ademais, o Cidade levouse o trofeo Iberdrola ao mellor parcial no segmento de natación.
Desta forma o título foi para o Cidade de Lugo Fluvial (01:05:08), co Tríatlon Ferrol na segunda posición (1:06:54) e Diablillos de Rivas, terceiro. Ademais, hai que destacar a oitava posición do Náutico de Narón e a novena do Arcade Inforhouse.
Esta proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint, é unha contrarreloxo por equipos, os cales están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo. Os equipos saen en intervalos de 1 minuto, polo que hai que esperar ata o final para coñecer o gañador.
Ademais, na categoría escolar feminina novamente brillaron os clubs galegos, co Cidade de Lugo Fluvial no máis alto do podio e o Náutico de Narón, na segunda posición. No escolar masculino, o Tríatlon Ferrol foi sexto na clasificación xeral e primeiro club galego.