A CUARTA EDICIÓN DO VERTIATLÓN VOLVE UNIR VELA E TRÍATLON POR UNHA CAUSA SOLIDARIA

13 de Setembro de 2018

Máis de 200 atletas participarán o vindeiro sábado 15 de setembro en Baiona nunha nova edición do Vertiatlón, unha competición deportiva e benéfica que une vela e tríatlon por unha causa solidaria, a de recadar fondos para impulsar a vela adaptada para persoas con diversidade funcional.
 
O Monte Real Club de Yates, o Concello de Baiona e a Federación Galega de Tríatlon co patrocinio de Verti Seguros organizan por cuarto ano consecutivo unha proba na que os participantes deberán completar un tríatlon sprint, de 750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira.
 
A vila mariñeira de Baiona volverá ser o escenario de todos os percorridos, que darán comezo ás catro da tarde co primeiro dos desafíos, un trazado a nado entre as praias da Barbeira e A Ribeira. Unha vez desprovistos do neopreno, os triatletas subiranse á bicicleta para percorrer 20 quilómetros nun circuíto de varias voltas entre as rotondas de Baredo e Santa Marta. Deberán reservar enerxías aínda para a proba final de 5 quilómetros de carreira ao redor do Parador Nacional, que poñerá o punto e final á competición.
 
Na presentación oficial do evento, celebrada este mediodía no Monte Real Club de Yates, o vicepresidente do club, Alejandro Retolaza, destacou o carácter solidario dunha proba que se foi consolidando ao longo dos anos como unha cita ineludible no calendario de tríatlons de Galicia.
 
“O diñeiro que recadamos coas inscricións –dixo Retolaza- permite que un gran número de persoas con discapacidades de todo tipo poidan subirse a algún dos nosos veleiros para gozar do mar en igualdade de condicións. Participan en actividades que non só facilitan a súa inclusión na sociedade, senón que repercuten moi positivamente na súa melloría física”, asegurou.
 
Nesta edición, as empresas Infinitus Rent e Foxy, habituais colaboradoras do evento, foron máis aló e ofrecéronse a achegar o diñeiro de todas as inscricións, permitirao que os máis de 200 atletas compitan de forma totalmente gratuíta. Para os que non vaian participar no tríatlon pero queiran colaborar igualmente coa iniciativa solidaria creouse un número de conta “Fila Cero” no que se poderán facer achegas. É o ES92 2080 0559 2330 4000 3658.
 
Entre os participantes deste ano están algúns dos gañadores da anterior edición, como María Lois, do club Arcade Inforhouse Santiago; ou Marta Rial e Marcos González, do Club Tríatlon Mar de Vigo. Tamén repetirán David Giráldez e Sandra Santodomingo, que en 2017 levaron o premio aos mellores clasificados de Baiona.
 
Tras a celebración das probas, o Monte Real Club de Yates acollerá, ás seis e media da tarde, a entrega de premios aos gañadores, un acto no que tamén se lle fará entrega ao club dun cheque polo valor de todas as inscricións, un diñeiro que o Monte Real destinará integramente á súa Escola de Vela Adaptada.
 
Creada no ano 2012 baixo o lema de “Vela para todos”, a escola ten como principal obxectivo achegar ao mar a persoas con diversidade funcional, para que poidan navegar en igualdade de condicións, en instalacións sen barreiras e a bordo de barcos adaptados. O traballo realizado desde entón fixérona merecedora, entre outras distincións, de varios recoñecementos tanto a nivel nacional como internacional.
 
O 4 LL: o futuro da vela adaptada
 
Coincidindo coa celebración do IV Vertiatlón Solidario, o estaleiro de Nigrán Rompeolas Boats presentará no Monte Real Club de Yates una das súas últimas creacións, o 4 LL, un novo modelo de barco adaptado colectivo e integrador para persoas con discapacidade deseñado polo ferrolán Javier Cela. Con 7 metros e medio de eslora e case 2 metros e medio de manga, o 4 LL é un barco estable, seguro e fácil de manexar, que facilita a embarcación e navegación de persoas en cadeira de rodas e a transferencia das mesmas ás cadeiras de navegación existentes dentro do propio barco. Tras a súa presentación ao público en Baiona, alumnos da Escola de Vela Adaptada do Monte Real Club de Iates serán os primeiros en poder gozar do novo barco nas augas da baía de Baiona.
 
Voluntarios: a outra forma de colaborar
 
Todos aqueles que non vaian participar no IV Vertiatlón Solidario pero queiran colaborar coa iniciativa, poderán facelo participando na organización do evento. Os voluntarios, que deberán ter máis de 16 anos, encargaranse de diversas tarefas loxísticas da competición, como a atención a deportistas, o control de puntos de paso, os avituallamientos ou a atención sanitaria. Para facelo hai que inscribirse previamente no pavillón de deportes de Baiona, chamando ao 986 356 558. O seu esforzo premiarase cunha camiseta e a participación na festa final do evento.
 
Tráfico: operativo especial para o sábado
 
Para garantir a correcta celebración do Vertiatlón, a Policía Local de Baiona cortará ao tráfico a comarcal 550 desde a rotonda da gasolineira ata a rotonda de Baredo, desde as 15:30 ata as 18:00, desviando toda a circulación para acceder e saír de Baiona pola estrada de subida a Baíña e pola da Virxe da Roca. O acceso ao parking e o recinto amurallado do Parador tamén estará controlado; e cambiaranse a parada de taxis a cálea Brasil e as paradas do transporte público ás zonas de Puga e o centro de saúde.
 
DECLARACIÓNS 
 
“Máis do 40 por cento das inscricións son licenzas dun día, o que representa moi claramente o carácter popular da proba, que está aberta a todos aqueles que queiran colaborar con esta magnífica iniciativa solidaria” – Óscar Surís, presidente da Federación Galega de Tríatlon.
 
“Detrás do Vertiatlón hai un magnífico traballo que permite que moitos nenos e persoas con discapacidade poidan converterse en intrépidos mariñeiros e gocen do mar en igualdade de condicións” – Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia.
 
“Desde a Deputación de Pontevedra sempre tivemos moi clara a necesidade de apoiar ao deporte e aínda máis se hai detrás unha causa solidaria como é o caso do Vertiatlón Solidario de Baiona” – Consuelo Besada, deputada da Deputación de Pontevedra.
 
“Coca Cola ten unha longa traxectoria de colaboración co Monte Real Club de Yates polo tipo de iniciativas que organiza, detrás das que sempre hai algo máis que deporte, neste caso a solidariedade” – María Troncoso, responsable de márketing de Coca Cola European Partners.
 
“En España organízanse moitos tríatlons ao longo do ano, pero poucos ou ningún tan especial como este, cunha contorna paisaxística única, no que os participantes saen da considerada cuarta mellor praia de España e completan as probas sempre á beira do mar” – Anxo Rodal, alcalde de Baiona.
 

Quizáis che interese…