Ricarda Lisk (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) e Uxío Abuín (Tríatlon Ferrol) proclamáronse hoxe gañadores da domingo XXV edición do Tríatlon do Miño, que se celebrou hoxe en Lugo coa participación de 330 deportistas en todas as probas programadas. O Tríatlon do Miño, que foi a quinta e última proba do Circuíto Galego, disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe).
Na carreira feminina as favoritas cumpriron co seu papel protagonista e deron o espectáculo deportivo previsto. Dende o principio, amosaron as súas cartas e estiveron loitando nas primeiras posicións. Así, na natación, a primeira en saír da auga foi María Ortega (Wild Wolf) pero seguida moi de preto por Ricarda Lisk e Melina Alonso. E así, moi agrupadas, seguiron na bicicleta e chegaron á T2 con opcións de loitar polo triunfo nun pano varias deportistas (Ricarda Lisk, María Ortega, Melina Alonso, Camila Alonso e Marta Barbeito).
E foi na carreira a pe onde se decidiu todo. Ricarda Lisk foi a máis rápida neste segmento e logrou así a vitoria nesta carismática proba, a máis antiga de Galicia, cun tempo de 1:05:55. Na segunda posición, María Ortega a 33 segundos e terceira foi Camila Alonso (Tríatlon Ferrol, 1:06:31).
Na proba masculina tamén se contaba cunha participación especular, cos mellores triatletas do estado, aínda que finalmente non se presentou na proba Jesús Gomar. Pese a iso, o nivel era excepcional. Pero entre homes de tanta clase coma Brais Canosa, Antón Ruanova, Antonio Serrat, Gáspar Leonidas ou o cadete Andrés Cendán, destacou no primeiro segmento Uxío Abuín. Foi o mellor na natación, pero Brais Canosa, Antonio Serrat e Antón Ruanova estaban decididos a poñerlle moi complicado o triunfo e remontaron no ciclismo os segundos perdidos para poñerse a par e loitar pola vitoria na carreira a pe. Así todo se decidiu por escasos segundos a favor de Uxío que foi o máis rápido neste último segmento e chegou a meta cun tempo de 58:24, mentres que segundo foi Brais Canosa (Arcade Inforhouse, 58:28) e terceiro Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo, 58:32). Cuarto e un pouco máis descolgado, Antón Ruanova (Arcade Inforhouse, a 31 segundos do primeiro).
Os outros gañadores foron:
ü Cadete: Rebeca Carnota (A.D. Fogar) e Andrés Cendán (Dexter Tríatlon).
ü Xúnior: Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Wild Wold Cidade de Lugo).
ü Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Uxío Abuín (Tríatlon Ferrol).
ü Veterán: Belén Lemat (Wild Wolf Cidade de Lugo) e Gonzalo González (Motobike Pontevedra).
ü Veterán 2: Andrés López (Monte Abaixo).
ü Clubs: Wild Wolf Cidade de Lugo (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino).
ü Paratriatlon: Susana Rodríguez (con Cristina Azanza), do Wild Wolf.