CATRO GALEGOS PARTICIPARÁN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE MEDIA DISTANCIA EN POSADAS O DÍA 25 DE AGOSTO

23 de Agosto de 2013

O Campionato de España de Media Distancia celebrarase o domingo 25 de agosto en Posadas (Córdoba) cunha participación total de trescentos deportistas. Na proba elite feminina participará a galega Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial), mentres que na masculina Galicia contará con tres participantes: Gustavo Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial), Iván Cáceres (Diablillos de Rivas, pero con licenza galega) e Cristóbal Dios (Arcade Inforhouse).

 Os percorridos desta durísima proba son de 1,9 quilómetros de natación (no pantano de la Breña), 91 quilómetros de bicicleta e 21 quilómetros de carreira a pe.

 Na proba de elite masculina (8:00 horas) participarán un total de 61 deportistas e tres de eles son galegos: Gustavo Rodríguez, Iván Cáceres e Cristóbal Dios. Gustavo é o que ten máis experiencia nesta distancia e este ano “o obxectivo é estar loitando pola vitoria, pero non podo falar de postos. A longa distancia é unha loita contra un mesmo, e nunca sabes como van aparecer os demais rivais. Sei que estou nun bo momento, pero tamén sei que haberá moitos triatletas en gran estado de forma e que porán difícil o triunfo”. Chega ben a carreira a pesar dunha lesión que tivo hai un par de meses que o deixou sen adestrar a carreira a pe durante tres semanas, pero agora parece superado. O tudense pensa que o seu futuro deportivo está enfocado á longa distancia: “Son carreiras de aproximadamente catro horas,  un tempo de duración bastante parecido as probas do meu deporte de orixe (o ciclismo). Ademais os ritmos non tan explosivos destas carreiras adáptanse bastante ben as miñas características”.

A proba feminina comezará so cinco minutos máis tarde e nela só estará a galega Aída Valiño, nun total de 22 participantes. A galega enfronta a cita con moita ilusión, aínda que recoñece que non está excesivamente acostumada a esta distancia: “É o segundo tríatlon de media distancia que fago. O obxectivo é intentar gañar ou facer podio”. O único problema é que Aída estivo estes últimos días con febre, pero asegura que “teño moitas ganas de competir e esperando que non faga moita calor”.

Ademais, haberá grupos de idade, con case douscentos participantes, unha carreira sprint e unha proba de paratriatlon.

No campionato de España de media distancia do ano 2012, Marta Jiménez proclamouse campioa de España, mentres que Saleta Castro foi bronce. Na categoría masculina, Gustavo Rodríguez foi noveno.

Quizáis che interese…