GÓMEZ NOYA, PRATA NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE ESTOCOLMO POR DETRÁS DE ALISTAIR BROWNLEE

25 de Agosto de 2013

Javier Gómez Noya logrou hoxe a medalla de prata na proba das Series Mundiais de Estocolmo, por detrás dun excepcional Alistair Brownlee, que logrou poñerse líder provisional do mundial. Na terceira posición chegou o outro Brownlee, que nesta ocasión foi superado polo ferrolán na carreira a pe.

Estocolmo era a chave para chegar á gran final de Londres con opcións. Os Brownlee necesitaban facer un bo resultado para ter opcións e Gómez Noya precisaba un triunfo para evitar ser adiantado na clasificación provisional do Mundial. E iso notouse dende o principio, xa que os favoritos controlaron a proba dende a natación.

Na auga o primeiro clasificado foi Varga, aínda que nese primeiro grupo estaba tanto os irmáns Brownlee coma Gómez Noya, que non deixaron de vixiarse. Así, enfrontaron a bicicleta con moita forza e na primeira volta xa romperon a carreira e formaron un grupo de dez ciclistas nos que se atopaban os tres grandes protagonistas desta carreira e de todo o Mundial (os Brownlee e Gómez Noya). Este grupo marcou un ritmo moi rápido e as distancias foron medrando volta a volta hasta que nos últimos quilómetros Alistair decide dar un golpe de efecto: Ataca e logra marchar en solitario cara a T2, onde chega con 21 segundos de vantaxe sobre o pequeno grupo.

Non era unha grande distancia, pero si complicada para remontar a pesar de que Javi non baixou os brazos e amosou que o traballo na carreira a pe das últimas semanas foi efectivo. Así, Jonathan e Javi lograron, primeiro desvincularse do resto do grupo, e despois comezaron a recortar distancias con respecto a Alistair. No quilómetro 2,5 estaban a 19 segundos do británico e no quilómetro 5 a 16. Gómez Noya, que foi o máis rápido neste segmento, logra deixar atrás a Jonathan e marcha en solitario a por Alistair, aínda que non puido alcanzalo. Desta forma, Alistair Brownlee proclamouse gañador da proba de Estocolmo cun tempo de 1:43:13, mentres que segundo foi Javier Gómez Noya (1:43:27) e terceiro Jonathan Brownlee (1:43:50). Ao remate da proba, o ferrolán asegurou estar contento porque “as sensacións foron moi boas e agora todo queda aberto para Londres”.

Trala disputa da Series Mundial de Estocolmo houbo cambio na clasificación provisional do mundial, ao poñerse en primeira posición Alistair, segundo é Jonathan e terceiro, o galego Gómez Noya. Iso si, as distancias son moi curtas e calquera cousa será posible en Londres.

 

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…