Esta fin de semana comezará o programa Nada e Corre 2019 (para nenas e nenos nados entre os anos 2001 e 2011, ambos incluídos), coa celebración das probas clasificatorias de Lugo e Vigo. Esta fin de semana, en Lugo e Vigo, competirán 420 participantes.
O Nada e Corre de Lugo (clasificatorio zona norte) disputarase o sábado 2 de marzo a partir das 9:00 horas coa participación de 207 deportistas. A proba de natación celebrarase na piscina das Pedreiras (09:30 horas), mentres que a carreira a pe terán lugar nas pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera (12:00 horas).
Ao día seguinte (3 de marzo) será o momento do Nada e Corre de Vigo (clasificatorio zona sur) no Complexo Deportivo de As Travesas con 214 inscritos. A proba de natación comezará ás 09:30 horas e desenvolverase na piscina de As Travesas, mentres que a carreira a pe disputarase na pista de rodaxe do complexo deportivo a partires das 12:00 horas.
O programa Nada e Corre da presente tempada está formado por catro probas clasificatorias zonais (Lugo, Vigo, Carballo e Ourense) e unha final. A final será en Riveira o día 7 de abril e para a mesma clasificaranse os catro primeiros deportistas por categoría e sexo de cada proba zonal.
As distancias a realizar dependerán das categorías:
- Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
- Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
- Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
- Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe.
- Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.
Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, está dedicado ás categorías menores e ten como obxecto traballar en inverno a natación, de forma moi especial, e a carreira, aspectos considerados fundamentais nestas idades polos técnicos.