O Circuíto da Copa de Europa de Tríatlon 2019 comeza esta fin de semana coa novidade da celebración dun tríatlon indoor, que se disputará en Lievin (Francia) coa participación das galegas Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) e Nerea García Bustos (Náutico de Narón), que foron convocadas pola Española de Tríatlon.
O formato da proba consiste na celebración de tres mangas clasificatorias femininas de 150 metros de natación, 3 quilómetros de ciclismo nun velódromo que hai na periferia do estadio e 1 quilómetro de carreira a pe pola pista.
Finalmente as nosas júnior competirán en elite, polo que non será precisamente sinxelo lograr entrar na final, onde só haberá 10 participantes. Ademais, Elsa Pena está en pleno proceso de recuperación, despois dunha caída en bicicleta de montaña con rotura da cabeza do radio e unha rotura de fibras no cuádriceps. Xa está adestrando ben pero chega un pouco xusta. Pola súa banda, Nerea está facendo adestramentos de gran nivel e crecendo moito.