Mañá venres 8 de marzo (11:00 horas, Teledeporte) comezará en Abu Dhabi o Mundial de Tríatlon 2019, coa participación do galego Antonio Serrat. Será a primeira proba das Series Mundiais, dun total de nove, que rematarán coa gran final de Laussane.
As Series Mundiais 2019 comezan en Abu Dhabi, como nos anos anteriores, e con grandes nomes na lista de saída. Mario Mola, actual campión do mundo, comeza a defender o seu título nunha proba na que haberá 56 participantes, entre eles o vigués Antonio Serrat co dorsal 29. “Chego con moitas gañas, despois dunha pretempada esixente que comezou en Sierra Nevada. A verdade é que me atopo ben, pero iso hai que amosalo na carreira”, explicou Serrat. Despois da proba nos Emiratos Árabes, Serrat disputará a Copa do Mundo de Mooloolaba (Australia) e posteriormente competirá en Nova Zelanda.
En Abu Dhabi haberá grandes triatletas como Mario Mola (campión do mundo 2016, 2017 e 2018), Fernando Alarza, Vincent Luis, Jacob Birtwhistle, Richard Murray, Kristian Blummenfelt ou Henri Schoeman, vencedor o pasado ano aquí, nunha proba que estivo marcada pola choiva e as caídas.
Esta Serie Mundial celebrarase na distancia sprint, polo que as e os deportistas deberán facer 750 metros de natación, 20 de ciclismo e 5 de carreira a pe. Ademais, o día 9 disputarase a primeira Serie Mundial de Relevos Mixtos deste año, un formato moi emocionante que en Tokyo 2020 se converterá en olímpico. Aínda non se coñece a composición do equipo español, xa que dependerá do que suceda na proba individual.
As Series Mundiais de Tríatlon 2019 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Bermuda, Yokohama, Leeds, Nottingham, Montreal, Hamburgo, Edmonton e Lausanne (gran final). Mario Mola defende o título na categoría masculina e a británica Vicky Holland na feminina.