Catro triatletas galegos teñen en Londres a súa cita máis destacada do ano co campionato do Mundo de tríatlon. Javier Gómez Noya en elite, Uxío Abuín en sub-23, Antonio Serrat en junior e Susana Rodríguez en paratríatlon. Ela será a primeira dos galegos en saír a escea.
Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 1988, Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) tomará parte na categoría TRI-6b, modalidade de nova creación en 2013 xa que se dividen os triatletas con nula ou algo de visión. A viguesa pasa, polo tanto, a deixar as gafas escuras que debían empregar antes para igualar as capacidades dos deportistas e así competir, no seu caso, cunha visión do 10%.
Deste xeito, Susana Rodríguez defende a coroa de campioa do Mundo de tríatlon e a medalla de bronce en ácuatlon.
- Que dificultades vas atopar para repetir título no Mundial de tríatlon?
- Principalmente que o 28 de xullo Mayalen Noriega –a súa guía habitual en probas internacionais- lesionouse nunha caída en bicicleta. Ten unha fractura da escápula no ombreiro e o recomendado para recuperarse é un mínimo de oito semanas. Poderemos correr pero íamos adestrar xuntas estas semanas para mellorar as transicións e a técnica e non o puidemos facer.
- Mayalen puido adestrar nos últimos días?
- Fixo sempre rodillo e correr. Esta é a primeira semana que nada normal sen facer só pés.
- Cal é o plan B en caso de que Mayalen non poida nadar?
- Creo que non o terei que usar pero agradezo ter a Laura Gómez (Club Triatlón Ferrol) aí por se fai falla.
- Que problemas atoparías de competir coa túa guía habitual a estrearte con Laura Gómez?
- A coordinación é fundamental. Eu sei cando Mayalen adianta nadando ou vira unha boia, na transición nos quitamos a corda de unión a unha altura concreta… Laura é unha deportista do mellor, eu penso que pode facelo moi ben no Mundial junior, pero non é o mesmo unha bici de un que un tándem e o circuíto de Londres ten moitos xiros. Iso si, correndo para ela facer 5 km en 21 minutos é unha rodaxe.
- Á marxe da guía, servirache de experiencia ter competido xa en Londres -1ª en 2010 e 3ª en 2011 xunto a Alba Cuba (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial)-?
- Espero que si porque este ano compite moita xente en grupos de idade e non hai un horario libre para probar os circuítos.
- Cales son as túas máximas rivais en 2013?
- Hai moita xente nova dende que pasaron os Xogos Olímpicos pero creo que serían as británicas Melissa Reid e Charlotte Ellis, que foron primeira e segunda no Europeo de este ano en Turquía –sendo Susana bronce-.
- E falando só de ti mesma, cal é o teu mellor segmento?
- A bici. E tódalas nosas opcións pasan por aí. O Mundial do ano pasado en Auckland gañámolo así.
- No caso de conseguir unha medalla, a quen lle agradecerías a súa axuda?
- Á miña familia, por su posto, a Mayalen polo esforzo extra que está a facer pola lesión, a o meu adestrador, Luis Piña, ao meu club, e a os que me acompañan adestrando en bici e saíndo a correr durante todo o ano.
- Sendo unha das trece representantes galegas ou de clubs do noso país, por que cres que Galicia ten tantos triatletas en tódalas categorías do Mundial?
- Foi e é moi importante ter alguén como Iván Raña e tamén que Javi Gómez Noya sexa despois un referente para que saia tanta xente. E é que gran parte da selección española no Mundial é do Fluvial ou de Ferrol.
Susana Rodríguez Gacio competirá o mércores 11 de setembro ás 10.00 horas no campionato do Mundo de ácuatlon TRI-6b e o venres 13 ás 15.00 h no Mundial de tríatlon da súa categoría –horarios en Galicia-.