A viguesa Susana Rodríguez, xunto a súa guía Mayalen Noriega, lograron a medalla de prata no Mundial de Acuatlón paralímpico en TRI6b feminino, tras un duro duelo coas británicas que se decidiu só por escasos segundos.
Susana xa lograra a medalla de bronce o pasado ano en Auckland, e agora se prepara para a proba do Mundial de Paratri, na que defende o título acadado no 2012. Esta é a proba verdadeiramente importante é o acuatlón permitiu medir o nivel de recuperación da súa guía, que sufriu unha caída na bicicleta e rompeu a escápula no ombreiro.
Ademais, a galega enfronta unha nova categoría TRI6b, que é para aquelas deportistas que teñen algo de visión, polo que xa non debe usar as gafas oscuras para pechar a súa visión, e pode competir co 10 por cento de visión que ten.