O domingo 22 de setembro celebrarase o VII Tríatlon da Amizade, que será ademais o Campionato Galego de Tríatlon Cross, nunha proba que se celebra dende hai sete anos entre Galicia e Portugal, coa organización alterna das federacións respectivas, e que tamén inclúe un Tríatlon de Menores. Cada ano a chegada faise nun dos países, e este ano corresponde a Galicia (Goián). Ademais das clasificacións individuais, tamén hai clasificación por equipos e Galicia foi a gañadora durante os catro últimos anos, polo que o trofeo permaneceu exposto no Concello de Tomiño.
Coma nas edicións anteriores, a participación é moi numerosa (máis de 220 participantes en todas as categorías) e entre os participantes podemos destacar a Marina González (Arcade Inforhouse), que ven do ciclismo onde logrou varios títulos de campioa galega; María Martínez (Atletismo Porriño) ou Belén Lemat (Wild Wolf Cidade de Lugo) na categoría feminina. Na masculina loitarán polo triunfo Fernández Moldes (Monte Abaixo), Mallo Figueroa (Monte Abaixo), Alexandre Rodríguez (Tríatlon Morrazo) ou Fabián Ubeira (Motobike).
Ás 11:15 horas (hora portuguesa) terá lugar o IV Tríatlon da Amizade para as categorías menores (benxamín, alevín, infantil e cadete) coa participación de 30 deportistas. Toda a competición desenvolverase en Cais do río Minho (Vilanova de Cerveira).
Ás 13:45 (hora galega) celebrarase o tríatlon para adultos, con case douscentos inscritos. A proba iniciarase en Goián e faranse 750 metros de natación cruzando o río; despois haberá 20 quilómetros en bicicleta de montaña, e para rematar 5 quilómetros de carreira a pe. A primeira transición estará situada no embarcadoiro de Vilanova de Cerveira e a segunda no espazo A Fortaleza de Goián (Tomiño).
Ademais, este ano celebrarase o Campionato Galego de Tríatlon Cross de forma conxunta co Tríatlon da Amizade que une as localidades de Tomiño e Vilanova de Cerveira. Desta forma, as e os deportistas galegos aspiran a dous premios.
Resultados 2012. Aida Valiño e Óscar Vicente (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse campións a nivel individual do VI Tríatlon da Amizade, que se celebrou entre Galicia e Portugal, con final en Vilanova de Cerveira (Portugal). Ademais o Trofeo da Amizade quedou por cuarto ano consecutivo no Concello de Tomiño, xa que Galicia volveu a gañar o Tríatlon da Amizade.