ARCADE, CAMPIÓN DA LIGA NACIONAL DE CLUBS NA CATEGORÍA MASCULINA E BRONCE NA FEMININA NUN CAMPIONATO MARCADO POLA PROTESTA CONTRA A FETRI

26 de Outubro de 2013

O Arcade Inforhouse logrou o título de campión da Liga Nacional de Clubs na categoría masculina, mentres que foi bronce na feminina, nun campionato marcado pola protesta contra a xestión da Federación Española. Ademais, a nivel individual houbo triunfos de deportistas dos conxuntos galegos: Esther Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) e Duarte Da Silva (Arcade Inforhouse) foron os vencedores das probas.

Polémica. Nesta oportunidade os resultados deportivos pasaron a un segundo plano despois do vivido nos instantes previos ao inicio. Os deportistas da categoría masculina quixeron ler un comunicado antes do comezo da proba en contra da xestión da Federación Española de Tríatlon e os xuíces non autorizaron esta acción, polo que os triatletas fixeron unha sentada na liña de saída con lectura do comunicado. A decisión dos xuíces da Española foi a de descualificar a oito dos clubs participantes (só quedarían en liza o Diablillos de Rivas e o Ecosport), aínda que finalmente rectificaron e puideron participar todos os equipos. A decisión de “ida e volta” dos xuíces aumentou a indignación dos triatletas e a entrega de premios celebrouse entre gritos de “Hidalgo, dimisión”.

Resultados. A primeira da proba en celebrarse foi a feminina, con triunfo de Esther Rodríguez, do Wild Wolf Cidade de Lugo, e a segunda posición foi para Luisa Martíns, do Arcade Inforhouse. O Cidade de Lugo defendía o título nesta categoría, pero o club lucense non tivo unha boa actuación en xeral, aínda que colocou a dúas deportistas no top-ten. Así, o título foi para o Diablillos de Rivas (807 puntos), mentres que o Arcade Inforhouse logrou a medalla de bronce con 633 puntos. Ademais, o Wild Wolf foi quinto; o Tríatlon Ferrol, sexto e o A.D. Fogar foi décimo.

Na Liga masculina tamén houbo triunfo dun representante dun club galego (Duarte da Silva, do Arcade), mentres que o primeiro galego clasificado foi Antonio Serrat (Wildf Wolf) que chegou cuarto á meta.

Na clasificación da Liga de Clubs masculino houbo triunfo galego grazas ao Arcade Inforhouse, que  sumou un total de 813 puntos), mentres que o C.T.O.A. foi segundo (756) e o Diablillos de Rivas, bronce (746). O Wild Wolf Cidade de Lugo rematou na sétima posición.

Cada entidade presenta un equipo formado por un mínimo de 8  deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. O regulamento da proba sinala que aqueles deportistas que cheguen a meta cun tempo superior ao vinte por cento máis do primeiro clasificado, quedará descualificado. A proba disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación -20 quilómetros de bicicleta-5 quilómetros de carreira a pe) no parque natural de Cabo de Gata.

 

 

 

Quizáis che interese…