MÁIS DE DÚAS MIL PERSOAS PARTICIPARON NAS MARCHAS DA CAMPAÑA “NON MÁIS CICLISTAS MORTOS NAS ESTRADAS”

10 de Novembro de 2013

CIMG4658Máis de dúas mil persoas participaron nas marchas ciclistas celebradas en seis cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Noia, Pontevedra, Riveira e Vigo) con motivo da campaña de sensibilización “Non máis ciclistas mortos nas estradas”, promovida pola Federación Galega de Tríatlon. Esta actividade tiña como obxectivo prioritario concienciar ás e aos condutores sobre o perigo que sofren os ciclistas nas estradas para que respecten as distancias de seguridade.

A pesar de que o tempo, moi inestable, non acompañaba, houbo unha importante participación. As cidades nas que se reuniron máis persoas foron as de A Coruña e Riveira, con máis de 500 participantes en cada unha delas, mentres que en Ferrol contaron coa presenza de máis de 300 persoas, e Pontevedra e Vigo contaron con máis de cen persoas. O máis significativo foi a representación de toda a sociedade nestes actos, xa que houbo desde bebes nunha silla na  bicicleta dos seus pais, a nenos pequenos coas súas propias bicicletas, ou persoas maiores, que quixeron reivindicar o seu dereito a ir en bicicleta con seguridade.

Nas concentracións repartíronse camisetas e pegatinas co slogan da campaña (1,5 de distancia co ciclista), que as/os ciclistas (todos/as con casco) luciron con orgullo. E tamén procedeuse á lectura do comunicado da Federación Galega, no que se explica o obxectivo da iniciativa.

Esta campaña, promovida pola Federación Galega de Tríatlon comezou de forma simultánea en varias cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Riveira, Noia, Vigo e Pontevedra) pero continuará no tempo. Este é so o inicio. A FEGATRI xa anunciou que entregará camisetas co slogan da campaña en todas as probas do calendario oficial da federación.

Quizáis che interese…