A afección polo tríatlon do colectivo policial ten un exemplo na figura de José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo), quen hoxe xoves recibe unha mención honorífica do Concello de Arteixo pola súa labor como Policía Local.
Estando fóra de servizo, Pardo Leis detivo un delincuente despois de velo saír correndo dunha óptica. Preguntou á multitude que saía do establecemento e foi tras el. Atopouno na rúa Canónigo Cándido Varela, mirando un escaparate, foi cara el e o ladrón botou a correr. Bastáronlle 200 metros para pillalo e recuperar o botín valorado en 1.000 euros.
Deste xeito, o Concello de Arteixo entrégalle a Pardo Leis un título máis para a súa vitrina de policía e triatleta posto que é o actual campión de Europa da súa competición específica “Europoli” tanto en dúatlon como en tríatlon, ademais de ser subcampión en cronoescalada, na cita bianual que se celebrou en 2012 en Tenerife. Perdeuse o Mundial en 2011 xa estando en Nova Iorque ao ser suspendido polos efectos do furacán Irene pero en España mantén os seus bos resultados cunha medalla de bronce na clasificación de Policías e Bombeiros que sae do Tríatlon Media Distancia de Buelna no que dominaron a xeral de 2013 os galegos do Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial, Aida Valiño e Gustavo Rodríguez.
“Pola crise deixou de facerse hai cinco anos o circuíto de dúatlon para policías que tiña unhas seis sedes en toda España, entre elas, Arteixo. Agora pasamos a organizar unha proba do circuíto galego de tríatlon”, lembra o triatleta do Muralla.
O club lucense conta cunha salientable representación de membros policiais con Quique Peña, Manuel Gayoso, José Luis Blanco ou Pedro Esmorís. Xunto a este último, José Manuel Pardo Leis, coñecido como Lipo, iniciábase no tríatlon no ano 2004 cando a cita popular de Oleiros se disputaba en Santa Cruz e premiaba ao mellor triatleta non federado, mérito que gañou Lipo na súa estrea.
A partir de aí, aumentou os adestramentos de natación e viu como o tríatlon galego evolucionaba. “O nivel subiu moitísimo en todo, a organización é máis seria, os circuítos están mellor pechados e sinalizados e hai moita máis igualdade entre os triatletas. Eu xa vou vello, iría mellor se nadase un pouco máis…”, comenta entre risas Pardo Leis.
Sendo da xeración do 75, o triatleta de Arteixo é habitual nos podios galegos do circuíto sprint ademais de estrearse na media distancia. “O meu mellor recordo de 2013 é gañar o Desafío Islas Cíes, era o meu terceiro Medio Ironman e tiña gañas porque no anterior tivera que retirarme ao deshidratarme en Valladolid en pleno verán. E non contaba con gañar en Vigo, tivera o neno hai menos dun mes e a bici levábaa frouxiña”, asegura o único triatleta que conseguiu baixar das catro horas.
Co reto de repetir triunfo o ano que vén e aventurarse na longa distancia, José Manuel Pardo Leis xa planifica a tempada 2014 con novos obxectivos como o ICAN de Málaga, voltar a Buelna, vivir a maxia de Zarautz ou o Medio Ironman da Coruña, sen esquecer o circuíto galego con Riazor e, por suposto, Arteixo.
Na praia de Sabón darase cita unha vez máis un dos triatletas e policía galegos que hoxe xoves é galardoado coa mención honorífica do Concello de Arteixo polo seu traballo.