GÓMEZ NOYA E AÍDA VALIÑO, CAMPIÓNS DE ESPAÑA DE ACUATLÓN

26 de Maio de 2013

Galicia foi a absoluta dominadora do Campionato de España de Acuatlón, que se disputou hoxe en Águilas. Na categoría elite, Javier Gómez Noya e Aída Valiño lograron os títulos de campións de España, e o mesmo fixo Diana Cotón en xúnior feminino. Ademais, houbo medallas para Pablo Dapena (bronce) e Carmen Gómez e Andrés Cendán en cadete (bronce). Nas clasificacións de clubs elite, o Wild Wolf Cidade de Lugo proclamouse campión de España tanto na categoría masculina coma feminina.

Javier Gómez Noya volveu ao máis alto do podio dun campionato no que se sinte moi cómodo. O pasado ano non competira porque centrou a súa preparación nos Xogos Olímpicos, pero este ano regresou para gañar. Así, dende o principio conseguir marcar distancias e xa se marchou en solitario no primeiro segmento de carreira a pe. Despois, na natación e na carreira, non forzou xa que mañá hai outra proba moi importante (a Copa do Rei de Tríatlon) e non quixo gastar forzas de máis. Ademais, hai que destacar o bronce de Pablo Dapena, que estivo moi preto da prata, xa que chegou a meta xunto ao valenciano Emilio Aguayo e se decidiu por centímetros.

Na categoría feminina máis alegrías para o tríatlon galego. Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o título, aínda que a gañadora da proba foi a chilena Bárbara Riveros, tamén do Wild Wolf que colocou a todas as súas deportistas nos primeiros postos (a galega Fani Domínguez foi cuarta, a un paso do podio). Así, na clasificación de clubs, o Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial proclamouse campión de España tanto na categoría masculina coma feminina.

Máis medallas. A xornada comezou coa disputa do campionato de España cadete e os galegos estiveron moi activos e sempre entre os primeiros. Na categoría masculina Andrés Cendán acadou o subcampionato por detrás de Alberto González, con quen xa pelexara hai unhas semanas no Campionato de España de Dúatlon. Case os mesmos protagonistas, pero naquela ocasión a Andrés o podio se lle escapou por segundos, e nesta logrou unha importante medalla de prata. Na feminina Carmen Gómez entrou na meta loitando con Cecilia Santamaría polo triunfo, pero se lle escapou o título no sprint final. Ademais, nesta categoría hai que destacar o cuarto posto de Inés Santiago, que tivo unha gran progresión na auga e disputou coas mellores, pero no último segmento de carreira a pe, tivo problemas respiratorios e non puido disputar as medallas.

En xúnior, máis éxitos para os deportistas galegos. Diana Cotón (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o título de campioa de España.

Copa do Rei. Mañá celebrarase a Copa do Rei de Tríatlon. A proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) é unha contrarreloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Os equipos, un total de 180, sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións.

Na proba elite masculina participarán dous equipos galegos: Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial e Arcade Inforhouse, mentres que na feminina son tres os representantes galegos (Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse e Tríatlon Ferrol). En ambas categorías, os clubs galegos parten como favoritos para loitar polo podio, onde o Diablillos de Rivas parece ser o rival máis forte.

Quizáis che interese…