A alimentación saudable e o deporte, unidos co Convenio de colaboración entre o Craega e a Fegatri
Lugo, 6 de maio de 2021. O presidente do Craega, Francisco López Valladares, e máis o presidente da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno (Fegatri), Gonzalo Triunfo Delgado, asinaron esta tarde na sede da Federación en Lugo un convenio de colaboración entre ambas as entidades co fin de impulsar e apoiar as actividades deportivas e fomentar o consumo de produtos amparados polo Consello Regulador e o coñecemento da produción ecolóxica por parte dos deportistas e consumidores en xeral.
Deste xeito, no ámbito de celebración das probas deportivas, os deportistas da Federación lucirán a imaxe e os logos do Craega, co obxectivo de visibilizar a importancia dunha alimentación saudable e respectuosa co Medio Ambiente, así como práctica do deporte.
O circuíto galego de tríatlon 2021 levará o nome de Craega, e as probas que o compoñen, ademáis do propio Campionato Xunta de Galicia de tríatlon 2021, serán as que participen principalmente na iniciativa. Porén, o “III Mar de Muros Tríatlon – Trofeo Iván Raña” calendado para o 12 de Xuño pero fora do circuíto, será a primeira proba que se una a esta acción.