Esta fin de semana disputarase en Águilas o Campionato de España de Acuatlón e a Copa do Rei

23 de Maio de 2013

Águilas (Murcia) acollerá esta fin de semana o Campionato de España de Acuatlón (sábado 25) e a Copa do Rei de Tríatlon (domingo 26) coa participación de case 2.000 deportistas en todas a probas disputar ao longo destes días. En ambos campionatos os clubs e os deportistas galegos teñen moito que dicir e enfrontan os torneos coa intención de loitar polos primeiros postos.

Campionato de España de Acuatlón. Jesús Gomar defenderá o título acadado o pasado ano, pero poder ter un durísimo rival. Gómez Noya está inscrito na proba, aínda que non é segura a súa participación nesta proba. Onde o ferrolán si competirá con total seguridade será na Copa do Rei, co seu club.

O campionato disputarase sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, un quilómetro de natación e 2,5 quilómetros de carreira a pe. A primeira das saídas está prevista para as 16 horas (cadete), e media hora máis tarde partirán os xúnior, mentres que elite feminina comezará as 18:15 horas e a masculina ás 19:00 horas.

Na proba de elite feminina están inscritas 47 participantes cunha importante presenza de galegas, que buscarán acadar o título. Entre as inscritas destacan Fani Domínguez e Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial), Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) ou Laura Mosquera (Arcade Inforhouse). No campionato masculino hai 87 inscritos coa presenza dos galegos Javi Gómez Noya, Jesús Gomar ou Pablo Dapena (Wild Wolf Cidade); Brais Canosa, Antón Ruanova ou Diego Paz (Arcade), entre outros.

Copa do Rei. A proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe)  é unha contrarreloxo por equipos, que están compostos por un máximo de 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo. Os equipos, un total de 180, sairán en intervalos de 1 minuto seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen nas últimas posicións.

Na proba elite masculina participarán dous equipos galegos: Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial e Arcade Inforhouse, mentres que na feminina son tres os representantes galegos (Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse e Tríatlon Ferrol). En ambas categorías, os clubs galegos parten como favoritos para loitar polo podio, onde o Diablillos de Rivas parece ser o rival máis forte.

Resultados do 2012. Magníficos os resultados acadados polos galegos no ano anterior en Pulpi. No Campionato de España de Acuatlón, Jesús Gomar (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o título, mentres que Antón Ruanova foi prata e na categoría feminina Aída Valiño logrou o bronce. Ademais, por clubs, o Cidade de Lugo Fluvial proclamouse campión de España na categoría masculina e foi bronce na feminina. Na Copa do Rei, O Cidade de Lugo Fluvial non puido repetir o título logrado nos últimos anos e tivo que “conformarse” con subir ao podio. Na categoría masculina houbo dúas medallas para Galicia: O Cidade de Lugo Fluvial foi prata e Arcade Inforhouse, bronce. Na feminina, o Cidade de Lugo logrou a medalla de bronce.

 

Quizáis che interese…