Torremolinos (Málaga) converteuse esta fin de semana, o 6 e 7 de setembro, no epicentro do tríatlon estatal coa disputa das tres últimas xornadas da Liga Iberdrola e a Liga Nacional, que incluíron o Campionato de España de Tríatlon por Clubs, os relevos mixtos e a modalidade SuperSprint 2×2.
O gran protagonista foi o Cidade de Lugo Fluvial, que acadou un dobrete histórico ao proclamarse campión da Liga Nacional masculina e da Liga Iberdrola feminina, tras conquistar o Campionato de España de Tríatlon SuperSprint 2×2 en ambas categorías.

Tamén houbo noticias destacadas para o resto de clubs galegos:
- Competición feminina:
- O A.D. Náutico de Narón asinou unha meritoria 4ª praza.
- En 2ª división, o Club Deportivo Delikia proclamouse campión da Liga Iberdrola e logrará o ascenso á máxima categoría, acompañado polo Inforhouse Santiago, que tamén competirá en 1ª a próxima tempada. Dous ascensos que confirman o gran momento do tríatlon galego.

- Competición masculina:
- O Inforhouse Santiago mantense en 1ª división grazas a un sólido 7º posto.
- O A.D. Náutico de Narón tamén conserva a categoría, finalizando 11º.
- O Tríatlon Ferrol, pola súa parte, descende a 2ª, aínda que co obxectivo de volver pronto á elite.
- Máis alegrías para o Delikia, que logra o ascenso en categoría masculina tras proclamarse campión da Liga Nacional de 2ª división.

- O A.D. Fogar asegura a permanencia en 2ª, mentres que o Club Tríatlon Compostela perde a categoría.
Así, Torremolinos coroou unha tempada inesquecible para o tríatlon galego, que volve demostrar a súa forza e protagonismo a nivel estatal.



