A xornada do 16 de novembro de 2025 quedará marcada como un dos fitos máis destacados do tríatlon español. A Copa do Mundo de Florianópolis (Brasil) coroou un podio integramente nacional con Sara Guerrero (ouro), Marta Pintanel (prata) e Miriam Casillas (bronce), asinando un triplete histórico para o noso deporte.

By @wags.photo – 2025 World Triathlon Cup Florianopolis / @worldtriathlon
A proba élite feminina abriu a competición cun papel protagonista das españolas desde o segmento ciclista. No grupo de cabeza consolidábanse xa as triatletas que finalmente se disputaron as medallas. Tras unha segunda transición moi sólida, Sara, Marta e Miriam escapáronse xuntas nos primeiros metros da carreira a pé, abrindo unha fenda definitiva. As tres españolas cruzaron a meta abrazadas, deixando unha imaxe que xa forma parte da historia do tríatlon español.

By @wags.photo – 2025 World Triathlon Cup Florianopolis / @worldtriathlon
A galega Sara Guerrero, do Náutico de Narón, culminou así unha xira excepcional por Sudamérica, na que suma unha medalla de prata na Copa do Mundo de Viña del Mar, un sexto posto en San Pedro de la Paz e este brillante ouro en Florianópolis.
Ademais do éxito da élite feminina, a xornada estivo acompañada tamén pola vitoria de David Cantero, que completou un día inesquecible para a delegación española.

By @wags.photo – 2025 World Triathlon Cup Florianopolis / @worldtriathlon
Participación galega na xira sudamericana
En canto ao resto dos representantes galegos, Antonio Serrat só puido finalizar na primeira cita do tour sudamericano, onde rematou en 11.ª posición. Na segunda proba viuse obrigado a retirarse por molestias musculares no xemelgo e na última non chegou a tomar a saída.

2025 World Triathlon Cup San Pedro de la Paz by @wags.photo / @worldtriathlon
Resultados galegos na Copa do Mundo de Miyazaki e Tongyeong
O 9 de novembro celebrouse a Copa do Mundo de Miyazaki (Xapón), con Andrés Prieto como mellor español na liña de meta. O triatleta do AD. Fogar finalizou en novena posición, mentres que Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) concluíu 39.º.
Na élite feminina, a catalana María Casals, do Cidade de Lugo Fluvial e con licenza galega, acadou unha destacada décima posición, seguida de Natalia Castro (Club Deportivo Delikia), que cruzou a meta 20.ª.
O 15 de novembro tivo lugar unha nova cita da Copa do Mundo en Tongyeong (Corea do Sur). En categoría masculina, Andrés Prieto foi o segundo mellor representante español, cun 14.º posto, seguido de Esteban Basanta, que chegou á meta en 18.ª posición.
Na élite feminina, María Casals volveu asinar unha actuación notable, rematando en novena posición.




